Trinta fotografías para visibilizar a diversidade de xénero no IES de Poio

Poio
19 de maio 2021

Máis de trinta imaxes que representan escenas cotiás relacionadas coa diversidade sexual participaron no concurso fotográfico Visibles e divers@s que se organizou no IES de Poio, dentro da programación do Trimestre do Orgullo. O certame, convocado co obxectivo de visibilizar a diversidade de xénero, foi todo un éxito

Entrega de premios do certame fotográfico "Visibles e divers@s" IES de Poio

Máis de trinta imaxes que representan escenas cotiás relacionadas coa diversidade sexual participaron no concurso fotográfico Visibles e divers@s que se organizou no IES de Poio, dentro da programación do Trimestre do Orgullo.

O certame, convocado co obxectivo de visibilizar a diversidade de xénero, foi todo un éxito.

O xurado, composto por dúas alumnas, unha docente do centro, a fotógrafa Paula Andrés e a concelleira de Igualdade de Poio, Silvia Díaz, destacou o alto nivel dos traballos presentados.

O máximo galardón foi para Eva Torres, alumna de 1º de Bacharelato, coa obra As rapazas do rosario. O xurado destacou que "cada elemento ten un significado e o conxunto dota a imaxe dunha riqueza estética moi actual e dunha profundidade que nos conquistou a todas".

Houbo ademais dous accésits neste certame. Un deles foi para Sara Freijo, de 2º de Bacharelato, pola súa imaxe Iridescencia, da que as integrantes do xurado destacaron "a súa composición, calidez e sensibilidade", que permiten "guiar a mirada do espectador".

O xurado tamén destacou a imaxe Os homes tamén menstrúan, de Ainhoa Bernárdez, alumna de 1º de Bacharelato, "por ser a única proposta que visibiliza o colectivo trans" e transmitir "unha mensaxe orixinal e moi potente".

As imaxes do certame forman parte dunha exposición instalada no instituto e tamén poden verse no Instagram da asemblea @sementesdeliberdade, xurdida este curso para levar a cabo actividades que fagan do centro un espazo máis libre, máis diverso e máis igualitario.