A Garda Civil, a Policía Nacional e a Unidade de Policía Adscrita na provincia realizaron en cinco días, entre o 29 abril e o 3 de maio, 1.257 dispositivos de control e vixilancia das medidas postas en marcha para frear a expansión da covid-19 e levaron a cabo 999 inspeccións en establecementos hostaleiros.
Así consta no balance que fixo público este martes a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, despois de presidir unha nova reunión por videoconferencia do Centro de Coordinación (CECOR) provincial establecido para o seguimento dos dispositivos de seguridade vencellados á actual situación sanitaria.
Durante a reunión, as Forzas e Corpos de Seguridade fixeron balance das actuacións realizadas. Segundo os datos facilitados, neses dispositivos participaron 1.264 axentes, que identificaron 4.241 persoas, controlaron 2.770 vehículos e elevaron 43 propostas de sanción. No caso das 999 inspeccións en establecementos hostaleiros da provincia, as Forzas de Seguridade interpuxeron 30 sancións.
A Garda Civil realizou durante os últimos cinco días 1.117 controis nos que participaron 837 efectivos. Nestes operativos identificaron 3.489 persoas, controlaron 2.530 vehículos e sancionaron 8 persoas. No ámbito da hostalaría, a Garda Civil realizou 840 controis e interpuxo 23 sancións.
A Policía Nacional levou a cabo 85 controis na provincia que contaron coa participación de 324 axentes. Nestes dispositivos foron identificadas un total de 672 persoas e 240 vehículos e elevaron 26 propostas de sanción. Na hostalaría, realizou 37 controis e interpuxo 7 sancións.
A Unidade de Policía Adscrita de Galicia organizou 55 dispositivos con 103 axentes e identificou 80 persoas e interpuxo 9 propostas de sanción. No ámbito da hostalaría, levou a cabo 122 inspeccións en establecementos nos que non interpuxo ningunha denuncia.
A subdelegada do Goberno salientou que os datos amosan o "alto grao de responsabilidade da cidadanía" da provincia, aínda que recoñece que se rexistra un pequeno aumento dos incumprimentos no ámbito da hostalaría.
Larriba tamén confirmou a colaboración da Policía Nacional co goberno autonómico no marco da campaña de vacinación contra a covid- 19. Axentes de Vigo e Pontevedra estarán presentes nos puntos de vacinación da Xunta de Galicia situados nos recintos feirais das dúas cidades. A subdelegada avanzou que de cara á fin de semana, agárdase unha gran afluencia de xente e a Policía Nacional estará presente para velar pola seguridade cidadá e o cumprimento das medidas sanitarias.
Ao encontro asistiron o coronel xefe da Comandancia da Garda Civil en Pontevedra, Simón Venzal; o comisario xefe accidental da Comisaría de Vigo-Redondela, Juan José Díaz; a comisaria provincial de Pontevedra, Estíbaliz Palma; o inspector xefe da Policía Autonómica, Diego González; a inspectora xefa UPA-Vigo, Sheila González; e o xefe territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, Ramón Pereiro.