Trinta e tres desempregados máis en marzo elevan a 5.127 os pontevedreses sen traballo

04 de abril 2022

No resto de municipios da área de influencia de Pontevedra, a baixada do paro é practicamente global, aínda que moito máis acusada na comarca do Salnés. Ademais de Pontevedra aumenta en Marín e Ponte Caldelas

Unha persoa traballando Mónica Patxot

Marzo deixa na cidade de Pontevedra un lixeiro aumento no número de desempregados. En concreto, 33 máis que en febreiro, segundo os datos publicados pola Consellería de Emprego e Igualdade. Isto sitúa en 5.127, un 0,64% máis, a cifra de pontevedreses sen traballo.

Hai xusto un ano, eran 5.807 as persoas desempregadas na  Boa Vila, polo que en todo caso o descenso interanual, con respecto a marzo de 2021, sitúase nun 11,71%.

De todos os demandantes de emprego en Pontevedra, 4.932 (un 96,19%) teñen máis de 25 anos, mentres que as mulleres seguen sendo maioría, 2.998, case seis de cada dez.

Por sectores, os 5.127 parados que hai na cidade repártense entre os 3.823 do sector servizos, os 427 da industria, os 362 da construción e os 122 da agricultura. Hai, ademais, 393 persoas aos que non lles consta ningún emprego anterior.

No resto de municipios da área de influencia de Pontevedra, a baixada do paro é practicamente global, aínda que moito máis acusada na comarca do Salnés. Ademais de Pontevedra aumenta en Marín e Ponte Caldelas.

No global da provincia, Pontevedra pechou marzo con 394 parados menos que en febreiro, ata un total de 60.580, un 0.65% menos. No cómputo interanual, o descenso acumulado é do 13,69%, o que supón 9.610 desempregados menos que en marzo de 2021.

Iso si, todas as provincias galegas gañaron afiliados en marzo excepto Pontevedra, onde o número de cotizantes baixou en 400 persoas, ata os 359.222 afiliados á Seguridade Social.

No último mes formalizáronse 26.928 contratos novos na provincia, un 2,56% máis que en febreiro, dos cales 7.505 (un 27,87%) foron de carácter indefinido.

DATOS EN GALICIA E EN ESPAÑA

En canto aos datos rexistrados en Galicia, o mes de marzo supuxo un descenso de 1.173 persoas nas listas de desemprego, que seguen incluíndo a un total de 153.336 parados, un 0,76% menos que en febreiro.

O descenso é maior, ata un 15,15%, se se compara cos niveis de desemprego que había hai xusto un ano, en marzo de 2021, no que había 27.383 desempregados máis.

No conxunto de toda España, o número de parados rexistrados nas oficinas dos servizos públicos de emprego baixou en 2.921 desempregados en marzo, situando a cifra total en 3.108.763 persoas, un 0,09% menos que en febreiro.

Os datos publicados este luns polo Ministerio de Traballo e Economía Social reflicten que no último ano o desemprego acumula un descenso récord de 840.877 parados, o que supón un 21,3% menos que neste mesmo mes de marzo do ano 2021.

En marzo rexistráronse 1.671.841 contratos, un 19,1% máis que no mesmo mes de 2021. De todos eles, 513.677 foron contratos indefinidos, a maior cifra de toda a serie histórica, ao supoñer case unha de cada tres das contratacións formalizadas.

Arquivado en