Tres persoas trasladadas e outras catro atendidas por mor dun incendio de madrugada en Caldas de Reis

Umia
26 de xullo 2024

Entre as persoas atendidas polos servizos de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 atópanse tres bombeiros, segundo informa o Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia

Vehículo dos Bombeiros do Salnés
Vehículo dos Bombeiros do Salnés Bombeiros do Salnés

Ata sete persoas tiveron que ser atendidas na madrugada deste venres polos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 debido a un incendio declarado nunha vivenda de Caldas de Reis.

Segundo informa o Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, un particular deu a voz de alarma minutos antes das 5.00 horas da madrugada, alertando que estaba a arder unha habitación nun piso situado na rúa Fermín García.

Enseguida foron avisados da situación, ademais do 061, Bombeiros do Salnés, Garda Civil de Pontevedra e ás Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil de Caldas e de Cuntis, e máis tarde tamén o GES e Servizo Municipal de Protección Civil da Estrada.

O lume, confirmaron membros de Protección Civil de Cuntis, afectaba o ático do edificio, o que obrigou ao desaloxo completo do bloque.

Os Bombeiros do Salnés explicaron pola súa banda tras lograr extinguir o incendio que arderan por completo tres habitacións da vivenda, e tamén se derrubaron varias placas do teito. O resto do inmoble quedou afectado polo fume.

Os servizos sanitarios tiveron que trasladar tres persoas ata o centro de saúde da localidade, mentres que outras catro foron atendidas no lugar, entre elas tres bombeiros que participaron no dispositivo de extinción.