Tres persoas feridas, unha de gravidade, nun accidente na recta da Anllada, en Cuntis

Umia
09 de xuño 2019

A persoa ferida grave foi alcanzada por un turismo cando se apeaba doutro coche para ir mercar cereixas. Ambos os dous vehículos acabaron chocando e, ademais deste peón, resultaron feridos dous ocupantes dun dos turismos. O ferido máis grave foi evacuado por un helicóptero medicalizado

Accidente con tres feridos na recta da Anllada en Cuntis Concello de Cuntis

Tres persoas resultaron feridas de distinta consideración como consecuencia dun grave accidente de tráfico rexistrado na tarde deste domingo na recta da Anllada, en Cuntis, no que se viron implicados dous turismos

Unha das persoas sufriu feridas graves e tivo que ser evacuada de urxencia polo helicóptero medicalizado con base en Santiago. O estado das outras dúas reviste menor gravidade e foron trasladadas a un centro sanitario en ambulancia. 

O accidente rexistrouse sobre as 18.30 horas deste domingo no quilómetro 213 da estrada N-640, na coñecida como recta da Anllada, pertencente ao termo municipal de Cuntis, segundo os datos facilitados polo Centro Integrado de Xestión de Emerxencias de Galicia 112.

Segundo a información recibida no 112 Galicia, a persoa ferida grave foi alcanzada por un turismo cando se apeaba doutro coche para ir mercar cereixas a un posto de venda ambulante. Ambos os dous vehículos acabaron chocando e, ademais deste peón, resultaron feridos dous ocupantes dun dos turismos.

Estes dous ocupantes que viaxaban nun turismo necesitaron asistencia médica como consecuencia do impacto e foron evacuados a un centro hospitalario. Ademais, ambos os vehículos sufriron importantes danos por mor da colisión. 

O accidente mobilizou un amplo operativo formado polos profesionais das 061-Urxencias Sanitarias e os membros do GES da Estrada e Bombeiros de Vilagarcía, xa que nun primeiro momento pensouse que a persoa atropelada estaba ademais atrapada baixo o turismo. Finalmente, descartouse esa circunstancia.

Ata o lugar dos feitos tamén se desprazaron a axentes da Garda Civil de Tráfico, Protección Civil de Cuntis e o persoal de limpeza e mantemento do Ministerio de Fomento para a retirada dos restos provocados polo accidente, co fin de restablecer as condicións de seguridade na vía.