Tres patrocinadores manteñen o seu compromiso co Pazo da Cultura

Pontevedra
20 de decembro 2019

As empresas Froiz, Viaqua e outra entidade anónima manteñen desde hai 20 anos a súa aportación para que se desenvolvan actividades no Pazo da Cultura ao longo de todo o ano. Este venres asinábase o convenio con estas empresas

Sinatura do convenio dos patrocinadores do Pazo da Cultura Cristina Saiz

A concelleira de Cultura e presidenta do Organismo Autónomo Pazo da Cultura Carmen  Fouces asinaba este venres cos representantes de Froiz e Viaqua, José Manuel Álvarez Gil e Julio Maside, o convenio anual de patrocinio das actividades para o Pazo da Cultura.

A achega ascende a 15.000 euros, entre os 6.000 euros que achega Froiz, a mesma cantidade que  Viacqua e outros 3.000 euros que son entregados por un terceiro patrocinador que se mantén no anonimato. 

Estas entidades manteñen esta colaboración co  Concello de Pontevedra desde hai case 20 anos, como indicaba o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores durante a renovación do convenio. 

Segundo sinalaba o rexedor, o destacable é a sensibilidade e o compromiso que estas empresas mostran coa cidade e co tecido cultural. Neste sentido, destacou a sorte de contar con Froiz, unha empresa referente tanto no ámbito local como autonómico; do mesmo xeito que con Viaqua que contribúe á loita contra o cambio climático a través do ciclo da auga e a instalación da rede de saneamento no rural, que estará finalizada nun período máximo de catro anos, sinalou Lores.