Tres novos composteiros comunitarios e dúas biotrituradoras para podas activaranse en Sanxenxo

Sanxenxo
03 de outubro 2022

A instalación dos composteiros e a licitación prevista das biotrituradoras estarán cofinanciadas polo Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-Next Generation, ao 90%, mentres que o 10% restante procede de fondos propios do Concello turístico

Charla sobre composteiros en Sanxenxo Concello de Sanxenxo - Arquivo

O tratamento dos residuos orgánicos amplíase en Sanxenxo coa instalación de tres novos composteiros comunitarios e dous biotrituradoras para podas. O investimento previsto para estes elementos ascende a máis de 90.000 euros.

Estas incorporacións contan co financiamento da Unión Europea-Next Generation nun 90% e o 10% restante é asumido polo Concello dentro do Plan de recuperación que ten en marcha, ademais do custo do IVE. Os tres centros de compostaxe foron adxudicados por 41.824 euros e súmanse ao que xa está operativo no parque do Espiñeiro en Portonovo. Os novos instalaranse nos parques de Nantes; de Xuncabranca, en Vilalonga; e en Adina. A intención do goberno local é reducir a cantidade de desperdicios orgánicos que se depositan no lixo e así reducir os residuos enviados a Sogama, cunha rebaixa na contaminación e emisión de CO2 que conleva o transporte e xestión.

Tamén se quere desde o goberno de Telmo Martín xerar conciencia da importancia de dar unha saída correcta aos residuos que se producen nos fogares.

As dúas biotrituradoras sacáronse a licitación por un importe de 48.692 euros. Con esta maquinaria trataranse os restos de poda para despois utilizalos como material estructurante dos biorresiduos nos composteiros comunitarios. 

A previsión do Concello de Sanxenxo é que con estes materiais operativos se reduzan un 40% as emisións de gases efecto invernadoiro no municipio.