Tres novas mortes por covid-19 na área sanitaria: dous homes de 78 e 73 anos e unha muller de 79

Pontevedra
14 de xullo 2022

O Servizo Galego de Saúde notificou este xoves tres novas mortes por covid na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. Ao longo deste mes de xullo rexistráronse 15 falecementos con covid, e no que vai de ano son 87 as vítimas mortais, 316 desde o inicio da pandemia

Hospital Montecelo Mónica Patxot

O Servizo Galego de Saúde notificou este xoves tres novas mortes por covid na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés.

Trátase de dous homes de 78 e 73 anos respectivamente e unha muller de 79 anos, que presentaban patoloxías previas.

Ao longo deste mes de xullo rexistráronse 15 falecementos con covid, e no que vai de ano son 87 as vítimas mortais, 316 desde o inicio da pandemia.

Este xoves 14 de xullo a área sanitaria mantén 123 pacientes con coronavirus ingresados en planta de hospitalización: 100 no Hospital Montecelo, 4 no Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez e 19 no Hospital do Salnés. Así mesmo, mantén 2 pacientes críticos con covid atendidos na Unidade de Coidados Intensivos (UCI) do Hospital Montecelo.

Actualmente permanecen 1.268 casos con covid evolucionando en domicilio co que o total de casos activos na área é de 1.393 (8 casos menos que onte). 

Desde o inicio do plan de continxencia da covid-19 curáronse 73.677 pacientes (95 máis que onte).