Tres mil millas a través do océano usando só instrumentos do século XVII

O Salnés
09 de febreiro 2024

Un grupo de mariños galegos, case todos da zona de Arousa, emprenderán moi pronto unha particular aventura. Farano a bordo de La Peregrina, un veleiro de vinte metros de eslora co que cruzarán o Atlántico ata La Deseada, unha pequena illa do sur do Caribe. Para navegar só poderán utilizar os medios e instrumentos que os mariñeiros tiñan no século XVII

Velero "La Peregrina" Reto Astrolabio

Un grupo de mariños galegos, case todos da zona de Arousa, emprenderán moi pronto unha particular aventura. Farano a bordo de La Peregrina, un veleiro de vinte metros de eslora co que cruzarán o Atlántico ata La Deseada, unha pequena illa do sur do Caribe.

O reto, que consiste en atravesar 3.000 millas de océano e recalar nun punto previamente fixado, ten a particularidade engadida de que para navegar só poderán utilizar os medios e instrumentos que os mariñeiros tiñan no século XVII. Partirán a última semana de febreiro.

Esta aventura foi bautizada como o 'Reto Astrolabio' e poderá seguirse desde terra a través dunha páxina web actualizada cun rastrexo vía satélite. Os internautas poderán seguir a travesía e comentar os erros ou acertos do capitán.

Pero desde La Peregrina en ningún momento terán acceso a esa información xa que os modernos sistemas de navegación estarán todos confinados nun cofre, precintado ante notario no porto da Gomera.

O cofre só será aberto en caso de emerxencia, algo que faría fracasar o intento de chegar a La Deseada, despois de navegar eses cinco mil quilómetros só co astrolabio, navegación por estima e, por suposto, a pericia do patrón.

Serán tres semanas de illamento total do mundo exterior para os oito tripulantes que navegarán en La Peregrina, que terá como capitán a Javier Babé, que xa encabezou a primeira expedición española á Antártida a vela e experto é travesías oceánicas.

A aventura plasmarase nun documental sobre esta viaxe no tempo, mostrando como era a navegación ata o século XVIII e destacando a importancia da experiencia e habilidades daqueles navegantes en contraposición coas tecnoloxías modernas.

Ademais, un grupo de recoñecidos expertos en náutica intervirán ao longo do documental opinando sobre a aventura de La Peregrina.

A embarcación contará tamén cun espazo a modo de 'confesionario', polo que irán pasando os distintos integrantes da tripulación dando a coñecer a cámara as súas impresións, medos, sensacións e sentimentos máis íntimos.