Tres meses e medio de obras para humanizar o ámbito do miradoiro da Peixeira

Sanxenxo
19 de xuño 2024

Así figura na oferta presentada pola empresa Misturas, obras e proxectos, que foi a gañadora do proceso de licitación aberto polo Concello de Sanxenxo. Asumirá estes traballos por case 943.000 euros e a garantía da obra ampliarase ata os catro anos

Proxecto de reforma do miradoiro da Peixeira en Portonovo Concello de Sanxenxo

En tres meses e medio, fronte aos cinco expostos inicialmente, terá que estar executada a humanización do ámbito do miradoiro da Peixeira e a súa conexión co campo de San Roque.

Así figura na oferta presentada pola empresa Misturas, obras e proxectos, que foi a gañadora do proceso de licitación aberto polo Concello de Sanxenxo. Asumirá estes traballos por case 943.000 euros e a garantía da obra ampliarase ata os catro anos.

Esta actuación abarca unha superficie total de 3.100 metros. A Deputación de Pontevedra asumirá o 80% do custo total da obra, a través do programa de infraestruturas e dotacións singulares (PON2030), mentres que o Concello de Sanxenxo pagará o 20% restante.

Recuperar a fachada marítima do emblemático miradoiro portonovés da Peixeira e humanizar a conexión co campo de San Roque son dous dos obxectivos da actuación. A intención é que a praza e a fronte marítima reconecten coa súa orixe.

Así, o proxecto contempla unha serie de plataformas, enlazadas mediante ramplas accesibles e escaleiras, que conectarán de forma directa a Praza de San Roque e a Avenida de Pontevedra. 

Tanto as vivendas como a parte alta do núcleo antigo de Portonovo veranse beneficiadas por unha accesibilidade universal e inclusiva.

O protagonismo do espazo será para o peón, polo que o tráfico rodado quedará relegado a un segundo plano mediante estratexias de acougado de tráfico, colocando badéns na entrada e saída da zona.

No vial da Avenida de Pontevedra, o único con acceso rodado, limítase o paso do vehículo a un carril dunha soa dirección.

Dentro dos obxectivos do proxecto atópase a eliminación, na medida do posible, das barreiras arquitectónicas, visuais e ambientais.

Desta maneira, optarase por desmantelar parte do gran muro de contención actual co fin de renaturalizar e descontaminar a fronte costeira e, en consecuencia, de mellorar paisajísticamente e funcionalmente a conexión do núcleo co mar. 

Para iso, ademais de demoler o muro e tratar de recuperar o territorio e paisaxe previo, incluiranse especies arbóreas autóctonas (piñeiro atlántico) e reutilizaranse os materiais de demolición para distintos elementos do mobiliario.

En canto á iluminación actual substitúese por outra cunha proxección máis baixa, máis contida, totalmente integrada nos muros e varandas.