Tres hospitalizados menos e baixada de casos activos na área sanitaria ata os 343 afectados

Pontevedra
23 de maio 2021

A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés rexistra a domingo 23 de maio 343 casos activos de covid, o que supón un descenso de 28 con respecto á xornada anterior. Permanecen ingresadas 19 persoas positivas en coronavirus, 5 delas na Unidade de Coidados Intensivos de Montecelo

Lugar habilitado no Hospital Provincial para realizar probas PCR Mónica Patxot

O balance sobre a afectación da covid na área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés ofrece un pequeno respiro este domingo 23 de maio mellorando os seus indicadores, segundo reflicte a actualización de datos ofrecida ás 10.00 horas polo Servizo Galego de Saúde.

Nesa actualización fíxanse en 343 os casos activos de coronavirus na área sanitaria pontevedresa, o que supón unha redución de 28 con respecto ao sábado. Esta baixada se  cimenta nas 41 altas epidemiolóxicas que se produciron, unido a unha cifra de contaxios que baixou a 13 novos positivos.

A baixada reflíctese á súa vez na presión nos hospitais, con tres pacientes menos ingresados afectados polo virus. En total son 19 as persoas que precisan de atención hospitalaria, das 14 atópanse en planta no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra e 5 evolucionan na Unidade de Coidados Intensivos de Montecelo.

Desde o inicio da pandemia superaron a covid 13.624 na área sanitaria, contabilizándose 177 falecementos de pacientes con positivo activo.

En canto á realización de test de detección, nas últimas 24 horas realizáronse 640, que se engaden aos 232.791 efectuados con anterioridade.

DATOS DE GALICIA

A nivel autonómico Galicia conta este domingo 23 de maio con 2.656 casos activos, o que supón un descenso de 29. Deles permanecen hospitalizados en planta 108 persoas (sen cambios) e 30 evolucionan na UCI (unha menos).

Na comunidade contabilizáronse 2.410 falecementos asociados ao virus, sen cambios nas últimas horas.