Tres falecementos este domingo en Montecelo e a área sanitaria xa supera o centenar de mortes por covid-19

Pontevedra
24 de xaneiro 2021

As tres persoas falecidas en Pontevedra tiñan 55, 81 e 87 anos e presentaban outras enfermidades no seu cadro clínico. A Consellería de Sanidade comunicou a morte de 14 persoas nas últimas horas diagnosticadas por coronavirus. O número de decesos por esta enfermidade sitúase en 1.622 vítimas no conxunto de Galicia

Persoal sanitario amosa unha máscara Arquivo - Pixabay

101 vítimas por coronavirus. A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés xa superou a barreira psicolóxica do centenar de falecementos por culpa da pandemia. Este domingo 24 de xaneiro, a Consellería de Sanidade notificaba a morte de tres persoas no Hospital Montecelo

Os mortos por covid-19 nesta xornada son tres homes, de 55, de 81 e de 87 anos de idade. Os tres, segundo os datos ofrecidos polo Servizo Galego de Saúde contan con outras enfermidades nos seus cadros clínicos.

Con estas tres mortes a semana péchase cun balance preocupante ao rexistrarse o deceso de dez pacientes pola pandemia no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, onde permanecen este domingo 15 pacientes na Unidade de Coidados Críticos.

Na provincia tamén falecía outro home, no Hospital Álvaro Cunqueiro. Tiña 68 anos de idade. Ademais no Complexo Hospitalario da Coruña morrían cinco pacientes, catro homes de 67, 77. 83 e 86 anos e unha muller de 86 anos. Outro home, de 67 anos, perdía a vida no Complexo Hospitalario de Ourense e no Hospital de Verín falecía outro home de 86 anos, procedente do Asilo Hogar Santa María.

A Consellería de  Sanidade tamén notificaba a morte este domingo de tres mulleres, de 56, 87 e 86 anos, que se atopaban nas residencias Pai Menni de Betanzos, DomusVi de Carballo e DomusVi de Vimianzo.

Segundo o Servizo Galego de Saúde, as 14 vítimas notificadas este domingo contaban con patoloxías previas nos seus historiais. Galicia alcanza xa a cifra de 1.622 persoas falecidas desde que se informa das mortes derivadas da pandemia.