Ribadumia lamenta a morte de Dositeo Valiñas, párroco de Santa Baia de Ribadumia e San Xoán de Leiro, e fillo adoptivo do municipio. O sacerdote faleceu aos 102 anos, a punto de cumprir os 103 e de celebrar os 80 anos da súa chegada á localidade.
O Concello de Ribadumia manifestou publicamente as súas condolencias polo pasamento do párroco, que chegou a Ribadumia con apenas 23 anos e instalouse neste municipio "para levar a cabo a súa vida de dedicación a igrexa".
A piques de conmemorar o 80 aniversario da súa chegada, o Concello destaca que durante todo este tempo "foi moito máis que un sacerdote para os veciños e veciñas do concello", pois a súa figura estivo ligada ata o último momento ao deporte e a cultura, entre outras moitas.
Dositeo Valiñas colaborou na fundación e expansión de moitas das asociacións e clubs da localidade, como o CD Ribadumia, o Naútico o Muiño ou o Plantel Xuvenil.
Ademais, destacan que foi capaz de gañarse o cariño dos seus fregueses xeración tras xeración, sendo moitos os que agora o botarán de menos.
O Concello traslada o seu pésame a familiares e amigos neste momentos difíciles e decidiu decretar tres días de loito oficial, nos que as bandeiras ondearán a medio mastro e co crespón negro.
Ademais, este venres 26 de xaneiro convocan un minuto de silencio ás 13.00 horas na Casa Consistorial "como mostra de respecto e condolencias".