Tres alumnas de Pontevedra, premiadas polo seu compromiso contra a violencia machista

Pontevedra
24 de novembro 2020

Oito rapaces e rapazas da provincia, tres delas da cidade de Pontevedra, son as autoras dos traballos recoñecidos no marco da cuarta edición do concurso escolar contra a violencia de xénero, organizado pola Subdelegación do Goberno en Pontevedra

Entrega dos premios da cuarta edición do concurso escolar contra a violencia de xénero Mónica Patxot

Oito rapazas e rapaces da provincia, tres delas da cidade de Pontevedra, son as autoras dos traballos recoñecidos no marco da cuarta edición do concurso escolar contra a violencia de xénero, organizado pola Subdelegación do Goberno en Pontevedra.

Nesta ocasión recibíronse máis dun cento de obras nas categorías de vídeo e fotografía, procedentes de case vinte institutos da provincia.

Na primeira categoría, alumnos de ESO, FP Básica e Ciclo Medio, os premiados foron Alexandra Corredoira Peleterio (IES Torrente Ballester, Pontevedra) e Neva Alonso Gago (Colexio Eduardo Pondal, Cangas), primeira e segunda respectivamente en fotografía; e Mateo Gil Sestelo (CPI Mondariz) e Paula Fernández Carballo (CPR Plurilingüe Casa de la Virgen, Cangas), en vídeo.

Entre o alumnado de Bacharelato e FP de Ciclo Superior, os premios en fotografía foron para Uxía López Míguez (CPR Santiago Apostol, Soutomaior) e Lucía Estévez Cid (IES Frei Martín Sarmiento, Pontevedra) e, en vídeo, para Mara Franco Rodríguez (CPR Santiago Apóstol, Soutomaior) e Aloia López Martínez (IES Frei Martín Sarmiento, Pontevedra).

Na primeira categoría, o primeiro premio consistiu nun ordenador portátil e o segundo nunha táblet, mentres que na segunda categoría como primeiro premio entregouse un ordenador portátil e como segundo un vale de compra por un importe de cen euros.

O xurado que elixiu os gañadores estivo composto por Emma Torres Romay, decana da Facultade de Ciencias Sociais e Comunicación; Andrés Fraga, profesor de Comunicación Audiovisual e Publicidade; Mónica Patxot, fotógrafa de PontevedraViva; e Belén Rubido de la Torre, xuíza decana de Pontevedra e xuíza de violencia de xénero.

Na entrega dos premios, a subdelegada do Goberno, Maica Larriba, destacou o compromiso contra a violencia de xénero da mocidade pontevedresa e recordou que a violencia contra as mulleres "é unha das principais eivas da nosa sociedade e cada un de nós temos un papel moi importante para combatela".

"Esta pandemia non se tapa cunha máscara, senón cunha concienciación individual e moita educación en igualdade", engadiu Larriba.