Trece empresas pugnan por obter o contrato para demoler o edificio da antiga Comandancia de Vilagarcía

O Salnés
10 de decembro 2022

Este espazo pasará a acoller a construción do novo centro de saúde de Vilagarcía de Arousa. O Concello destina 249.691 euros a este contrato de derrubamento. A adxudicataria disporá dun prazo de dous meses para acometer o traballo e deixar a parcela libre de entullos

O presidente da Autoridad Portuaria de Vilagarcía, José Manuel Cores Tourís, e Alberto Varela, alcalde de Vilagarcía, diante da antiga Comandancia da Mariña Concello de Vilagarcía de Arousa - Arquivo

O recinto para construír o novo centro de saúde de Vilagarcía de Arousa quedará liberado no momento en que se adxudique a obra de demolición da antiga Comandancia da Mariña. Segundo informa o Concello de Vilagarcía, trece empresas presentáronse para lograr o contrato de 249.691 euros.

José María Millán, arquitecto e redactor do proxecto básico e de execución desta derriba e do estudo de saúde, será a persoa encargada de asumir a dirección e coordinación da obra. A superficie que será demolida é de 2.907 metros cadrados, mentres que o volume estrutural alcanza os 9.011 metros cadrados.

A adxudicataria da obra de demolición dispoñerá dun prazo de dous meses para executar a intervención e deixar a parcela libre de entullos. Despois os terreos serán entregados á Consellería de Sanidade para iniciar a obra do novo equipamento sanitario. 

O novo centro de saúde ampliará o do edificio actual do ambulatorio de San Roque. A obra prevista presentará unha superficie superior aos 5.000 metros cadrados, duplicando os actuais do inmoble de San Roque. Poderanse habilitar novas dependencias e crear novos servizos cun incremento de profesionais sanitarios, segundo explican desde o Concello.

Segundo o Plan Funcional de SERGAS, as futuras instalacións da Avenida da Mariña aumentarán en tres as consultas de medicina xeral ata alcanzar as 17; en catro as de enfermería, que tamén pasarán a ser 17; nunha as de Pediatría ata alcanzar as cinco; e en dous as de enfermería pediátrica, que tamén se igualarán ofrecendo unha por pediatra.