A actividade foi frenética este mércores 12 de marzo no segundo soto do instituto Luís Seoane de Monte Porreiro. Alumnado e profesorado non quería perderse a nova atracción de centro, Trazo Verde.
Nada máis baixar as escaleiras, xa chamaba a atención un escaparate no que se coidaba até o último detalle. Cadernos de distintos tamaños, tote bags, lapiseiros, gomas, bolígrafos, marcapáxinas, postais, planificadores ou sets de picnic de distintos deseños enchían os andeis, tan atractivos que resultaba imposible non entrar.
No interior, podía verse unha papelería cunha ampla variedade de material. Como calquera outra tenda de similares características que se pode visitar na rúa, pero sostible e cun trazo que a fai única: os seus creadores.
Alumnas e alumnos os ciclos básico, medio e superior de Comercio e Marketingfixeron posible este proxecto, unha tenda autogestionada na que crearon eles mesmos cada detalle, desde o deseño á fabricación, a decoración e a atención ao público.
Detrás hai un proxecto educativo interdisciplinar liderado polos docentes Pilar Brea, Diego Pereiro e Mariña Montenegro no que todos levan traballando todo o curso e este mércores, como colofón, abriu ao público.

Os estudantes desenvolveron a idea de negocio, deseñaron cinco liñas de produtos, crearon un catálogo, coidaron o escaparatismo e a súa distribución na tenda e a cada produto asignáronlle un código de barras que permite a xestión do stock, máis de 50 referencias diferentes.
O proxecto xa se presentou en outubro na feira educativa Edugal e este mércores os seus creadores viviron a súa proba de lume. O público entrou, puido ver todos os seus produtos e comprou. Na caixa, non lles faltou detalle. Como en calquera tenda física, escaneraron o código de barras, cobraron, deron e ticket e empaquetaron.
A resposta foi masiva e positiva, con gran éxito de vendas e asistencia, tanto que houbo referencias que se esgotaron e houbo que crear unha lista de reserva.
Os prezos eran variados, entre os 0,20 dun marcapáxinas e os 10 dunha tote bag, pasando por un set de picnic a 0,70 ou planificadores a 2. Todos moi competitivos e resultado dun traballo de estudos de mercado e cálculo de custos. O obxectivo será cubrir gastos e lograr un pequeno beneficio que se reinvestirá no proxecto.
Contaron coa axuda dun escaparatista profesional e cos seus profesores, que valoran que é moito máis didáctica esta clase práctica que calquera teoría impartida na aula.
Unha das súas docentes, Pilar Brea, explica que este proxecto foi posible grazas ás novas instalacións habilitadas no segundo soto, que pasou de almacén a aula-taller preparada como tenda -e a outros espazos e aulas-. "Decidimos aproveitala e facer algo que puidesen facer os alumnos coas súas mans, papelería sostible", explica.
Foi un traballo en equipo. Alumnado do ciclo superior usou as súas habilidades en aplicacións informáticas para realizar cinco deseños e colaborar no escaparatismo. Os estudantes de ciclo básico crearon o material e están implicados nos cobros. Os de medio, víronse involucrados no proceso de creación de produto.
Ainara Villaverde, do ciclo básico, estivo implicada no escaparatismo e a decoración ou a creación dos códigos de barras e recoñece que todo o proceso é máis complexo do que pensaba. "A verdade é que foi un pouco agobiante", confesa, pero engade que "agora que se acaba de estrear é todo moi gratificante" e "está a funcionar ben.
Daniel Troncoso, igualmente dun ciclo básico, móstrase orgulloso de que "o fixemos todo nós, con material reciclado ao longo de todo o curso, desde cero" e considérao "unha boa experiencia". Coincide en que "é complicado", en especial algúns produtos.
O resultado: "todo entra polos ollos" e docentes e estudantes "están como tolos". Puideron ver unha experiencia de venda real e non dubidaron en comprar.
Tamén o equipo directivo valora a iniciativa. Joaquín Pece, xefe de estudos de FP, valora o novo espazo da aula-taller, pois abre "unha nova oportunidade de facer proxectos moito máis prácticos, moito máis interdisciplinares", coa colaboración de varios ciclos, módulos e etapas educativas.
Móstrase "encantado de ver agora os froitos deste primeiro ano" e confía en que "cada ano lle saquemos aínda máis partido e fagamos varios eventos deste tipo". Nesta ocasión, valora "esta oportunidade de facer que os mozos saian da aula e estean aquí sendo protagonistas desta parte moito máis práctica e máis completa".