Un mozo de 19 anos foi denunciado pola Garda Civil tras sufrir un accidente no municipio pontevedrés de Cambados, despois de que tratase de eludir un control policial e chocase co seu coche contra un muro.
O suceso produciuse na tarde do pasado sábado, segundo informou hoxe a Garda Civil, no quilómetro 0,4 da estrada PO-302.
O condutor, que é veciño de Vilanova de Arousa e que ía acompañado doutra persoa, tentou esquivar o control policial cambiando bruscamente a dirección da súa marcha.
Debido a esta manobra, o mozo perdeu o control do coche e saíu da estrada, chocando contra o muro dunha vivenda.
Os dous ocupantes do coche resultaron ilesos pero alén do muro estaba un dos habitantes da vivenda, que acabou ferido de gravidade nunha perna e tivo que ser trasladado de urxencia ao hospital Montecelo de Pontevedra.
Na proba de alcoholemia, o mozo obtivo senllos resultados positivos de 0,66 e 0,65 mg/l de alcol en aire espirado, o que ao ser un condutor novel supón cuadriplicar a taxa máxima, fixada en 0,15 mg/l.
Ao condutor atribúeselle un delito contra a seguridade viaria e outro de lesións por imprudencia o que, entre outras sancións, podería carrexarlle prisión de tres a seis meses e a retirada do permiso de conducir por un tempo máximo de catro anos.