Trasladar a lingua de signos á sociedade, obxectivo da Asociación de Xordos 'Río Lérez'

Pontevedra
12 de xuño 2015

O domingo 14 de xuño celébrase por primeira vez en España o Día Nacional das Línguas de Signos Españolas onde se quere facer máis visible ao colectivo de persoas con discapacidad auditiva e as súas linguas

Integrantes da Asociación de Xordos de Pontevedra 'Río Lérez'

Os integrantes da Asociación de Xordos de Pontevedra 'Río Lérez' (ASPRL)celebrarán este domingo 14 de xuño o Día Nacional das Linguas de Signos Españolas que se conmemora por primeira vez no Estado. Este mediodía foron recibidos pola concelleira de Benestar Social, Carmen Fouces, a quen lle regalaron o símbolo do colectivo coa bandeira branca e azul do Concello de Pontevedra.

María Jesús Monterde, integrante desta asociación, leu o manifesto para este Día da Lingua de Signos utilizando a linguaxe oral e tamén o xestual. Neste manifesto preténdese recordar ás entidades que as linguas de signos desempeñan un papel fundamental para a comunicación e as persoas con discapacidade auditiva reclamana que poida exercer os seus dereitos como cidadáns.

Sinalan que a lingua de signos aínda non se encontra asentada nos diferentes ámbitos sociais xa que é amplamente descoñecida entre a sociedade. Esta situación, segundo afirman dende o colectivo, contribúe a que sufran momentos de illamento social. Por este motivo, reclaman máis intérpretes de língua de signos e loitar pola dignificación desta figura, que son os que permiten ás persoas xordas realizar moitas das accións da vida cotiá.

Ademais, o colectivo pide as institucións que se recoñeza á lingua de signos galega, ao igual que se inclúe a española e a catalá dentro das linguas de signos do Estado.