A vintena de persoas inmigrantes que permanecía en Sanxenxo abandonaba a primeiras horas da mañá deste martes a vila para ser trasladados a un centro de acollida de emerxencia e derivación en Alcalá de Henares, en Madrid, segundo informa o goberno local de Sanxenxo.
Durante arredor dun mes, os vinte e dous mozos, dos 54 chegados inicialmente, residiron no municipio realizando diferentes actividades deportivas en Dorrón e adquirindo coñecementos de castelán.
Tamén, durante a súa estancia, obtiveron formación en primeiros auxilios en sesións con axentes da Policía Local e efectivos do Grupos de Emerxencias de Sanxenxo.
A colaboración entre Accem e o Concello de Sanxenxo continuará despois desta boa experiencia e xa ultiman, entre outras iniciativas, diversas campañas de sensibilización nos centros educativos para previr discursos de odio e xenofobia.
Un avance foi a xornada de onte, coincidindo co día internacional do migrante, cunha xornada de convivencia entre os inmigrantes africanos e o alumnado do colexio Magaláns, en Dorrón, na que se realizou un intercambio cultural.
Esta iniciativa, que a directora do centro, Marila Dios, cualificou de "magnífica e enriquecedora", comezou co canto do himno da alegría, panxoliñas e cancións tradicionais africanas e incluíu xogos tradicionais das culturas dos países de orixe dos migrantes.