Tras mediar a alcaldesa os mariñeiros de Mauritania abandonan o peche

Marín
03 de decembro 2012

As tres da tarde os mariñeros da frota cefalopodeira de Mauritania abandonaron o peche que desde media mañana mantiñan no Salón de Plenos da casa consistorial de Marín

Salón de plenos do Concello de Marín CIG

As tres da tarde os mariñeros da frota cefalopodeira de Mauritania abandonaron o peche que desde media mañana mantiñan no Salón de Plenos da casa consistorial de Marín.

Os mariñeros aprobaran en asamblea esta medida de presión logo de que o Instituto Social da Mariña confirmase o pasado venres que non ían percibir as axudas acordadas xa que "non dera tempo" de tramitar todas as solicitudes e tan só 22 persoas se poderán beneficiar desta medida.

Logo de falar con eles a alcaldesa de Marín, María Ramallo, púxose en contacto con responsábeis do Ministerio de Pesca en Madrid.

Segundo o responsable do sector de Mar da CIG, Xabier Aboi, desde este departamento se pretendeu botar as culpas aos mariñeiros alegando que non se tramitan as axudas porque os afectados non presentaron as solicitudes. Cuestión que Aboi negou categoricamente. Neste senso, o responsábel de Mar da CIG aseverou tamén que os traballadores non reciben ningún tipo de información dende hai 20 días e que "o Ministerio minte cando asegura que o 99.9% dos mariñeiros teñen ingresos porque ou están cobrando o paro ou unha axuda".

Logo de valorar as comunicacións contraditorias do Instituto Social da Mariña e do Ministerio, e dada a premura coa que se iniciou a protesta, os mariñeiros acordaron levantar o peche, aínda que xa advertiron que nos vindeiros días continuarán coas mobilizacións e non descartan reactivar o encerro.

Segundo Aboi, con esta protesta, pretendíase implicar a alcaldesa de Marín no conflito e esixir a súa intermediación para aclarar que vai pasar coas axudas, que os mariñeiros aínda non comezaron a percibir a pesar de que dende o mes de xullo non volveron faenar ao caladoiro mauritano.

Arquivado en