A transformación da PO-308 entre A Barca e o Casal de Ferreirós comezará no 2025

Poio
23 de novembro 2024
Actualizado: 17:45

A obra conta cun investimento superior aos 1,7 millóns de euros, cofinanciada polo Concello de Poio e a Xunta de Galicia en dúas anualidades

Avenida da Barca Concello de Poio

O Concello de Poio, en colaboración coa Xunta de Galicia, humanizará e acondicionará o tramo inicial da PO-308, entre A Barca e Casal de Ferreirós.

Este martes, o goberno local trasladará ao pleno este proxecto que conta cun investimento superior aos 1,7 millóns de euros, cofinanciada por ambas as administracións en dúas anualidades.

Desta forma, o Concello de Poio abonará 156.143,73 euros en 2025 e 364.335,37 euros en 2026, incluíndo ademais o cambio de titularidade da estrada en favor do concello.

Desde o goberno lembran que esta estrada é unha das entradas a Poio e soporta unha densidade de 17.000 vehículos diarios.

Por iso queren transformala nunha vía máis segura e atractiva delimitando de forma clara cada unha das zonas.

Plano de humanización da rotonda da BarcaConcello de Poio

Para iso, renovarán o firme a calzada, pavimentarán as beirarrúas, aparcadoiros e calzada, humanizarán o espazo con zonas axardinadas e mobiliario urbano e reservarán zonas de carga e descarga e prazas de estacionamento para persoas con mobilidade reducida.

Ademais, reporán os servizos básicos de saneamento, abastecemento, sinalizacións e canalizacións subterráneas para substituír os actuais tendidos aéreos.

Esta obra é unha "prioridade" para o Concello, que lamenta o "desgaste significativo" da PO-308 e das redes de servizos municipais.

É por iso que, segundo indican, esta é só a primeira fase dun proxecto que continuará até Casa Solla e que supera, en conxunto, os 4,8 millóns de euros.

A obra entre A Barca e o Casal de Ferreirós licitarase na primeira metade de 2025 e a previsión é que as obras empecen a executarse ese mesmo ano.