Tráfico quere incorporar ao regulamento estatal parte da ordenanza de mobilidade de Pontevedra

Pontevedra
23 de febreiro 2020

A aposta pola mobilidade peonil, os sistemas de redución de velocidade e os aparcadoiros de servizos centraron os principais puntos de interese. A DXT e o Concello de Pontevedra mantiveron unha xuntanza de traballo no marco dos contactos previos á reforma do Reglamento General de Circulación en ámbito urbano

Reunión dos representantes da DGT no Concello de Pontevedra Concello de Pontevedra

Pontevedra é un dos catro concellos do Estado cos que a Dirección Xeral de Tráfico (DXT) está a manter unha serie de xuntanzas previas á reforma do Reglamento General de Circulación en ámbito urbano (os outros tres son Sevilla, Valencia e Barcelona).

Por este motivo un equipo da DXT encabezado polo xefe da Unidade de Ordenación Normativa, Javier Villalba, e pola xefa provincial de Tráfico, Paula Yubero, achegouse a semana pasada ao Concello de Pontevedra para reunirse co equipo municipal de Mobilidade, encabezado polo concelleiro responsable desta área, César Mosquera.

O principal interese por parte da DXT era recoller achegas e coñecer a opinión do Concello para abordar a reforma da regulación estatal de circulación urbana toda vez que considera que a actual "é obsoleta e escasa". Neste marco, desde o Concello presentóuselle como proposta de traballo o texto da nova ordenanza reguladora da mobilidade amábel e da utilización dos espazos públicos que irá á aprobación inicial no pleno do luns.

En base á nova ordenanza municipal, desde a DXT manifestaron interese en incorporar no regulamento estatal cuestións como a aposta pola mobilidade peonil, os sistemas de redución de velocidade ou novas fórmulas de estacionamento por tempo limitado que superen o tradicional sistema de carga e descarga, como o aparcadoiro de servizos por 15 minutos implantado en Pontevedra.

O modelo de mobilidade desenvolvido en Pontevedra, xa coñecido pola DXT en encontros anteriores (o último tivera lugar en Madrid e participara o alcalde en calidade de presidente da entidade Cidades que camiñan), foi un dos elixidos para servir de referencia na concepción da reforma do regulamento estatal por ser un modelo implantado con éxito e que achega un traballo previo xa contrastado.

Desde a DXT manifestaron a necesidade de concibir a reforma da regulación sobre circulación urbana atendendo a novas xerarquías na mobilidade, posto que o actual regulamento está demasiado enfocado ao tráfico motorizado, polo que o seu interese se centra en modelos e medidas que favorezan e prioricen a mobilidade peonil.

Ademais da aposta pola mobilidade peonil e o interese polos novos sistemas de estacionamento, desde a DXT tamén se abordaron cuestións relativas á circulación de bicicletas e vehículos de mobilidade persoal, camiños e rutas escolares seguras, ou restriccións medioambientais.