Tráfico presume da 'Zona 30' de Pontevedra comparándoa con París, Edimburgo e Milán

Pontevedra
29 de xaneiro 2015

Milán súmase ás cidades que aplicarán a zona 30 como medida para mellorar a seguridade vial, priorizar os desprazamentos peonís, reducir a contaminación e minimizar o risco de accidentes. Entrará en vigor o próximo mes de marzo e, ao fío desta noticia, a Dirección Xeral de Tráfico (DGT) recorda o exemplo que nesta materia supuxo a cidade do Lérez para cidades como París ou Edinburgo

Novo aspecto da avenida de Lugo tralas obras de reforma
Novo aspecto da avenida de Lugo tralas obras de reforma / Mónica Patxot

Milán súmase ás cidades que, como Pontevedra, aplicarán a zona 30 como medida para mellorar a seguridade vial, priorizar os desprazamentos peonís, reducir a contaminación e minimizar o risco de accidentes. Entrará en vigor o próximo mes de marzo e, ao fío desta noticia, a Dirección Xeral de Tráfico (DGT) recorda o exemplo que nesta materia supuxo a cidade do Lérez para cidades como París ou Edinburgo.

Así o fixo a través da súa conta oficial en Twitter, onde a DGT celebra que a zona 30 vaia gañando adeptos nas cidades europeas, apoiándose na Estratexia Europea de Seguridade Vial 2011-2020.

Esta política, na que Pontevedra foi pioneira ao ser a primeira cidade que limitou a velocidade a 30 km/h en todas as súas rúas, inscríbese -destaca o organismo estatal- dentro dun incremento deste tipo de zonas de velocidade reducida nas principais cidades europeas.

Esta non é a primeira vez que a DGT gaba o modelo de cidade que se aplicou en Pontevedra en materia de seguridade vial.

As medidas postas en marcha polo goberno municipal protagonizaron, entre outros méritos, numerosos espazos na revista que edita este organismo dependente do Ministerio do Interior e Pontevedra explicou a súa experiencia en numerosos foros, invitada pola propia Dirección Xeral de Tráfico.

A súa actual directora, María Seguí, comprometeuse ademais a visitar en próximas datas unha cidade á que chegou a cualificar como "exemplo do que debe ser unha cidade segura e sostible".