O entroido xa está aquí. Serán case dez días de diversión, festa e, en moitos casos de excesos. Estes últimos deberán extremar as precaucións, especialmente se se lles pasa pola cabeza a desafortunada idea de coller o coche. A Garda Civil de Tráfico poñerá en marcha, dende este venres día 13 ata o domingo 22 de febreiro, unha campaña especial de vixilancia sobre o consumo de alcohol e drogas que se estenderá a todo tipo de estradas.
Os axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra comprobarán que os condutores cumpran a normativa no que se refire ao cumprimento dos límites legais. Ademais, intentan concienciar á sociedade de que non soamente o alcohol e a condución é un binomio perigoso, "senón que tamén as drogas e a condución son en moitas ocasións sinónimos de morte".
Aínda que a vixilancia sobre estes consumos é permanente, o Subsector de Tráfico resalta que durante estas festas se intensificarán os puntos de verificación en vías de comunicación cara a aquelas localidades que tradicionalmente celebran os diferentes entroidos.
Durante os entroidos do pasado ano, realizáronse un total de 2.842 probas de alcohol, das cales 133 tiveron un resultado positivo.
A sanción por conducir con drogas ou alcohol no organismo é de 1.000 euros e seis puntos menos no carné. Podería chegar a ser delito dependendo do nivel tóxico, da sintomatoloxía ou se se ve ser involucrado nun accidente.
Dende a Garda Civil recordan que a prevención de accidentes de circulación non está disputada coa diversión destes días e sinalan nun comunicado que "é importante a responsabilidade do condutor e o seu compromiso coa seguridade de todos, que se manifesta cando se pon ao volante sen inxerir estas substancias".