Tráfico intensificará esta semana os controis de alcohol e drogas entre os condutores

Pontevedra
31 de maio 2015

A Dirección Xeral de Tráfico (DXT) recorda que o alcohol é un factor concorrente ou determinante nun terzo dos accidentes de circulación con vítimas mortais. A súa presenza na condución multiplica entre 2 e 15 veces os riscos de sufrir un sinistro e constitúe un factor agravante das súas consecuencias

Patrulla da Garda Civil de Tráfico Mónica Patxot

A Dirección Xeral de Tráfico (DXT) poñerá en marcha dende este luns, día 1 de xuño, unha campaña especial de control da taxa de alcoholemia e de consumo de drogas entre os condutores que se estenderá ata o próximo domingo.

Axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil intensificarán, durante toda a semana, os controis de alcohol a condutores. Igualmente, potenciarase a colaboración cos concellos para realizar controis en zonas urbanas, con especial incidencia nas zonas de ocio nocturno.

A DXT recorda que o alcohol é un factor concorrente ou determinante nun terzo dos accidentes de circulación con vítimas mortais. A súa presenza na condución multiplica entre 2 e 15 veces os riscos de sufrir un sinistro e constitúe un factor agravante das súas consecuencias.

No ano 2014, as análises toxicolóxicas realizadas a condutores falecidos en accidentes de tráfico revelaron que un 39,09% deles presentaban unha taxa de alcohol etílico en sangue superior a 0,3 gr/l, unha porcentaxe que ascendía ata o 39,88% no caso de peóns falecidos pola mesma causa.

E é que o peón, como usuario máis débil da vía, necesita tamén estar en pleno uso das súas facultades físicas e mentais para non correr riscos.

Menor percepción ou percepción equivocada do seu ámbito, perda de visión, maior asunción de riscos, son consecuencias que se derivan da inxestión de alcohol, aumentado a posibilidade de sufrir un atropelo.