Traballadores de Xustiza piden que se retome a unidade sindical e haxa negociacións inmediatas

Pontevedra
30 de abril 2018

Varias decenas de traballadores quixeron alzar a voz para desmarcarse do cariz que está a tomar o conflito laboral. Enviaron un escrito a Alfonso Rueda, para instar á Xunta e ao comité de folga a que se reúnan o mércores 2 e "tengan voluntad negociadora de forma continuada hasta que se alcance un acuerdo" 

Comparecencia de traballadores do sector da Xustiza ante a situación do conflito laboral Mónica Patxot

Varias decenas de traballadores do sector da xustiza de Pontevedra e outros partidos xudiciais da comarca quixeron alzar a voz este luns para desmarcarse do cariz que está a tomar o conflito laboral que manteñen desde hai meses coa Xunta de Galicia.

Tras os enfrontamentos entre sindicatos da pasada semana e o intercambio de acusacións que chegaron a producirse entre os propios compañeiros, eles queren pedir que se retome a unidade sindical que convocou a folga o pasado 7 de febreiro e que a parte sindical e a administración volven sentar a negociar.

Os traballadores convocaron aos medios de comunicación por "iniciativa libre y espontánea" e de forma "totalmente independiente" aos sindicatos. A pesar de que entre as persoas que compareceron hai traballadores afiliados a algunha central sindical, quixeron deixar claro que non falan en nome de ningunha sigla nin en contra de ningunha, senón como traballadores que "no respaldamos a unos ni a otros"". 

Os convocantes queren deixar claro que non están en contra de ningún sindicato, senón que "exigimos responsabilidades a los siete" que convocaron a folga e queren pedir a todos ese cambio de actitude, pois son os seus representantes e os interlocutores válidos coa Xunta que teñen que negociar. Eles queren facer constar que "tenemos intención de tender puentes entre las partes".

Segundo deron a coñecer, este mesmo luns tiveron unha asemblea de traballadores na que acordaron esta comparecencia e tamén asinar un escrito xa enviado ao conselleiro de Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, para instar á Xunta e ao comité de folga a que se reúnan o vindeiro mércores 2 de maio e "busquen la solución más inmediata posible al conflicto".

Os traballadores esixen ás dúas partes, á Xunta e aos sindicatos, que "tengan voluntad negociadora de forma continuada hasta que se alcance un acuerdo", é dicir, que non repitan situacións vividas durante o case tres meses que levan de folga de ata dúas semanas sen sentar a negociar. Piden, desta forma, que as dúas partes "pongan voluntad" para tentar chegar a un acordo. 

Tras a asemblea deste luns tamén iniciaron unha recollida de firmas para apoiar esta petición que, en cuestión de dúas horas, reuniu xa 200 apoios. Desde Pontevedra instouse ao resto de traballadores do sector de toda Galicia a que fagan o mesmo e recollan firmas e manifesten a súa parecer. 

Na súa comparecencia tamén se mostraron "dolidos" polos feitos do pasado venres durante as votacións para decidir se se referendaba o preacordo ao que catro sindicatos chegaron coa Xunta e polas valoracións realizadas por algúns sindicalistas, que acusaron os seus compañeiros de ser "grupos organizados" ou de estar "manipulados". Argumentan que os momentos de tensión vividos son "la expresión lógica de indignación después de tres meses en huelga"

Os funcionarios convocaron aos medios nunha das salas de vistas dos xulgados da Parda e falaron catro en nome de todos eles, Marcos Beiró, Berta Argibay, Miguel Tirado e Begoña Recuncho. O resto, escenificaron un apoio total ao comunicado lido polos seus compañeiros, aínda que algún espontáneo, falando no seu nome e non no de todos, sinalou que a prensa "también tiene mucha culpa" no cariz que está a tomar o conflito.