Antonio Lafuente, coñecido na súa etapa como xogador de balonmán no Cisne como Toño Lafuente, convertirase na primeira semana de marzo en presidente do comité de empresa da fábrica de Ence en Lourizán. Desta forma, substituirá ao ata agora presidente dos representatnes dos traballadores Ignacio Acuña, delegado de Comisións Obreiras.
A decisión de que Lafuente ocupara este posto se establece tras un acordo entre a CIG e UXT, que foi proposta no comité de empresa e que adiantou en algo máis de dous meses o cambio na presidencia acordado tras os resultados das eleccións sindicais en 2018. Entón, CC.OO. e CIG empataban a 82 votos obtendo cinco delegados cada unha das centrais. Con ese resultado acordaban un período de presidencia por dous anos para cada sindicato. UGT, con tres delegados, convertíase na terceira forza que, neste caso, apoia este cambio na presidencia.
O vindeiro xoves está previsto que se redacte a acta e que o venres se presente a documentación nas oficinas da Administración Laboral en Vigo e, a partir dese momento, Toño Lafuente vai converterse en presidente oficial no comité de empresa liderado pola CIG nunha das etapas máis complicadas da fábrica en Lourizán. A empresa mantense á espera da sentenza da Audiencia Nacional sobre a prórroga concedida polo goberno de Mariano Rajoy ata 2073 e ante un goberno do Estado que, en teoría, non apoia a permanencia da factoría na ría pontevedresa. Toño Lafuente manifestou a PontevedraViva que, ata o momento en que se formalice a súa presidencia, non vai realizar declaracións sobre estes temas.
TENSIÓN INTERNA
O cambio no principal órgano de representación dos traballadores da empresa pasteira vén precedido por unha tentativa de revogación do comité. A finais de 2019 producíanse movementos entre o persoal e un grupo de traballadores poñía en marcha unha iniciativa para revogar ao comite de empresa que se atopaba presidido por Comisións Obreiras. Segundo diferentes fontes sindicais e do persoal, aquel movemento estaba promovido por José Luis García Pedrosa, secretario de organización de CC.OO., coa intención de evitar a presidencia bianual da CIG. Pero o representante sindical rexeita estes argumentos e manifesta que a súa central estaba en contra daquela revogación e de calquera outra acción deste tipo que se puidera producir porque "non é o momento".
García Pedrosa entende que aquela actuación partía dun grupo de traballadores debido ao descontento que existía pola actitude dalgúns representantes do comité e principalmente acusa á CIG de ter creado unha situación de tensión con ameazas de organizar unha folga na fábrica despois dun incidente interno.
O dirixente sindical de CC.OO. deixa entrever que a urxencia por adiantar a presidencia da CIG no comité pode estar relacionada coa convocatoria das eleccións autonómicas para o 5 de abril e culpa á CIG e a UGT de boicotear mobilizacións en defensa do mantenemento da fábrica en Lourizán.
En canto ás oficinas centrais, Ana Cedeira continuará sendo presidenta do comité porque nas últimas eleccións sindicais, CC.OO. obtivo toda a representación ao non presentarse outras centrais sindicais. A presidenta do comité de oficinas afirma, neste sentido, que continúan traballando co obxectivo de realizar novos actos reivindicativos en defensa do emprego en Ence e o mantenemento da fábrica na ría.