Tomba tres pivotes e deixa atrás anacos do seu coche conducindo bébedo por Santa Clara

Pontevedra
29 de xuño 2024

O vehículo realizaba movementos irregulares, como en zigzag, e, nun momento dado, chocou contra un pivote e acelerou. Logo, chocou contra o seguinte, deu marcha atrás, colleu velocidade e impactou tamén contra un terceiro. Foi finalmente localizado en Estribela e deu positivo de 0,97 na proba de alcol

Pivotes tombados en Santa Clara PontevedraViva

O condutor dun vehículo de alta gama protagonizou este venres un aparatoso incidente na rúa Santa Clara. Chocou contra tres pivotes de aceiro inoxidable e tombounos e, no impacto, deixouse atrás varias partes do vehículo. Tras ser localizado pola policía, deu positivo en alcoholemia, cuadriplicando a taxa de alcol permitida para conducir. 

O incidente rexistrouse na parte da rúa máis próxima ao convento de Santa Clara a última hora da tarde deste venres 28 de xuño. Un pouco antes, tombou os tres pivotes e á beira de cada un deles quedou tamén parte da carrocería.

Xusto despois, chocou e perdeu anacos do coche na beirarrúa. Ademais, segundo testemuñas, ao vehículo, un todoterreo de alta gama, faltáballe unha roda

Testemuñas presenciais relataron que o vehículo realizaba movementos irregulares, como en zigzag ao longo da rúa e, nun momento dado, chocou contra un pivote e acelerou. Logo, chocou contra o seguinte, deu marcha atrás, colleu velocidade e impactou tamén contra un terceiro

O vehículo realizaba movementos tan perigosos que mesmo os clientes da terraza dun local próximo levantáronse alertados pola posible situación de risco que podía xerarse. 

A continuación, virou cara árúa Pai Amoedo e, ao chegar á rotonda coa avenida de Buenos Aires, virou á esquerda e puxo rumbo a Marín 

As testemuñas alertaron á Policía Local e deuse tamén aviso á Policía Nacional e unha patrulla localizou o vehículo no barrio de Estribela. 

Unha vez localizado, desprazouse ata Estribela unha patrulla de atestados da Policía Local de Pontevedra, que someteu ao condutor á proba de alcoholemia e confirmou que daba resultado positivo

Segundo confirmaron fontes oficiais, o condutor deu un resultado de 0,97 mililitros de alcol por litro de aire expirado, practicamente catro veces a taxa permitida de 0,25 para conducir turismos. 

O condutor, un veciño de Pontevedra, foi denunciado e o coche quedou inmobilizado.