Tomás Fole delega as competencias en Urbanismo na súa nova concelleira, Ana Granja

O Salnés
05 de abril 2013

O alcalde de Vilagarcía, Tomás Fole, asinou o decreto  no que se establecen as competencias que asumirá Ana Granja Otero, a concelleira que se acaba de incorporar ao goberno municipal do Partido Popular para cubrir a vacante deixada por Marta Rodríguez. A nova edil encargarase da Área de Urbanismo, Vías e Obras. Pero a redistribución das delegacións afectará tamén a outro concelleiro

Ana Granja, a nova concelleira de Urbanismo do Concello de Vilagarcía Aitana Vidal

O alcalde de Vilagarcía, Tomás Fole, asinou o decreto  no que se establecen as competencias que asumirá Ana Granja Otero, a concelleira que se acaba de incorporar ao goberno municipal do Partido Popular para cubrir a vacante deixada por Marta Rodríguez. A nova edil encargarase da Área de Urbanismo, Vías e Obras. Pero a redistribución das delegacións afectará tamén a outro concelleiro.

Como titular da Área de Urbanismo, Vías e Obras, Ana Granja será responsable dos ámbitos de mantemento das vías e espazos públicos urbanos e rurais, accesibilidade, supervisión das brigadas de servizos externos, seguimento da xestión e competencias da Xerencia Municipal de Urbanismo e coordinación nas funcións asignadas ao persoal adscrito á mesma.

O alcalde delega en Ana Granja unha das áreas máis importantes nun concello, a de Urbanismo, unha responsabilidade que ata o momento asumía directamente Fole. O rexedor explicou que a asignación das competencias da nova concelleira decidiuse en función do seu perfil e da súa traxectoria profesional.

"Ana Granja é unha persoa altamente cualificada en todo o relacionado coa obra pública e privada, a construción e co urbanismo, de aí que reúna todas as características necesarias, tanto de formación como de experiencia laboral, para desenvolver con total solvencia e profesionalidade as funcións que se lle asignan dentro do goberno local", expuxo Fole.

Delineante de profesión, Ana Granja Otero conta cunha ampla experiencia no sector da construción ao ter traballado durante toda a súa vida profesional en diversas empresas deste ramo, tanto na realización de obras civís, como estradas e todo tipo de obra pública. De feito, traballou como delineante, xefe de obra e encargada en firma como Gumersindo Rodríguez Eirea, Ediserpo ou Covsa, entre outras.

O reparto de delegacións propiciado pola entrada de Granja no equipo de goberno tamén contribúe a aliviar a carga de traballo do concelleiro Jesús Longa, que ata agora asumía integramente a Área de Obras e Servizos.

O concelleiro asumirá a Área de Medio Ambiente e Servizos, que inclúe as competencias en materia de parques, xardíns, praias e medio ambiente, policía en materia de vertedoiros incontrolados, xestión de residuos sólidos urbanos, limpeza viaria e abastecemento de auga potable, rede de sumidoiros, alumeado público, relación cos veciños do rural e comunidades de montes e mellora do medio rural.