Toma posesión o novo arcipreste de Lérez despois da reorganización da Diocese para adaptala á falta de curas

Pontevedra
01 de agosto 2024

O párroco de San José Campolongo, Casimiro Fernández, é o novo arcipreste do Lérez, un cargo que asume tras o falecemento do seu predecesor, Vicente Cerdeiriña, cura de San Salvador de Poio

Toma de posesión dos novos arciprestes Archidiócesis de Santiago de Compostela

Unha vez que se procedeu á reorganización dos Arciprestados da Diocese de Santiago de Compostela, para unha mellor atención pastoral das parroquias debido á falta de curas, o arcebispo monseñor Francisco Prieto nomeou a 31 arciprestes e vicearciprestes.

A arquidiocese de Santiago conta con tres vigairías: Pontevedra, A Coruña e Santiago. E Pontevedra á súa vez está repartida en tres arciprestados: de Lérez, Salnés e Montes.

Este martes, a sede do Arcebispado de Santiago acolleu a cerimonia na que tomaron posesión de arciprestes e vicearciprestes. 

Así, o párroco de San José Campolongo, Casimiro Fernández, é o novo arcipreste do Lérez, un cargo que asume tras o falecemento do seu predecesor, Vicente Cerdeiriña, cura de San Salvador de Poio. 

Dada a especial configuración dos novos arciprestados nomeáronse vicearciprestes co obxectivo de que axuden ao arcipreste no mellor desempeño pastoral do seu oficio canónico. No caso do Lérez son José López Moldes, cura de San Martiño de Bueu, como vicearciprete primeiro e como vicearcipreste segundo a Benito Vázquez, párroco de Xustáns, A Canicouva, Caritel, Ponte Sampaio ou Ponte Caldelas.

O arcipreste do Salnés é agora Santiago Fernández, párroco de Troáns (Cuntis) o vicearcipreste primeiro: Manuel Antonio Couceiro e o segundo Juan Ventura Martínez. Por último, ao frete do Arciprestado de Montes está agora Saul Oswaldo Retamozo.