"Todos sodes iguais, non pode haber ningún abusón que rompa a convivencia", dille Rueda ao alumnado de Poio

Poio
29 de novembro 2023

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, recoñeceu ademais que Galicia prevé abordar un debate "sosegado" para decidir se se prohibe o uso dos teléfonos móbiles durante os recreos escolares

Rueda participa en Poio na presentación do Plan integral contra o acoso e o ciberacoso escolar

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado do conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez, participou este mércores no Colexio de Lourido na presentación do Plan integral contra o acoso e o ciberacoso escolar. 

"Todos sodes iguais, non pode haber ningún abusón que rompa a convivencia", dixo Alfonso Rueda ao alumnado de Poio,  "pódelle tocar a calquera. Por iso, non pode haber ningún abusón e de habelo, hai que dicilo".

Alfonso Rueda explicou que todos os colexios, institutos galegos e centros da mocidade contarán un punto laranxa, cunha imaxe común, identificable e accesible, funcionarán como unha caixa de correos de correo no que o alumnado poderá trasladar situacións de acoso propias ou que perciba en terceiros.

Este plan integral tamén inclúe a constitución de equipos de actuación contra o acoso escolar en cada centro, cun procedemento para seguir. Os equipos de actuación contra o bullying que hai en cada centro serán os encargados de xestionar estas denuncias. Para iso investigarán o sucedido e decidirán se é preciso ou non abrir o protocolo por acoso. De ser así, remitirán o caso á inspección educativa e falarán coas familias dos alumnos.

E ademais, a Xunta busca tamén actuar sobre o agresor para reverter a súa conduta. Para iso haberá intervencións psicoeducativas coa finalidade de que mude o seu comportamento.

O plan está enfocado a lograr a tolerancia cero ante calquera forma de violencia e discriminación na escola e ofrecer unha resposta "áxil, eficaz e coordinada".

O titular do executivo galego destacou que con esta iniciativa a Xunta ratifica o seu compromiso na loita contra o acoso escolar cunha "aposta construtiva e multidisciplinar" coa implicación de seis departamentos do goberno.

Ademais, refórzase a formación docente para que o profesorado dispoña de habilidades e recursos que lle permitan identificar estes casos e a mellor maneira de intervir e poténciase a participación das familias a través dunha canle dixital con formación e información para detección temperá e resolución pacífica de conflitos.

Tamén se inclúen propostas educativas para o alumnado dirixidas a mellorar as relacións interpersoais, a empatía e o respecto e o uso responsable e seguro da internet.

Rueda aclarou que Galicia non ten unhas cifras "especialmente preocupantes" no ámbito de acoso escolar, pero "sen ningunha dúbida" prodúcense algúns casos porque "chegar á cifra 0 é moi difícil", polo que os colexios deben contar con ferramentas para abordalos.

PROHIBIR MÓBILES NO RECREO

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, recoñeceu ademais que Galicia prevé abordar un debate "sosegado" para decidir se se prohibe o uso dos teléfonos móbiles durante os recreos escolares.

"É algo que está encima da mesa", explicou Rueda, que lembrou que ampliar esta prohibición "máis aló" das horas lectivas, debe xurdir do "maior acordo posible" con toda a comunidade escolar, especialmente cos pais do alumnado.

O presidente galego asegurou que "é para preocuparse" a aparición de varios colexios españois de chats nos que se difunde contido pornográfico ou vexatorio e lembrou que nos centros educativos galegos non se permite o uso do móbil nas aulas.

"Todas as posibilidades que ofrecen as novas tecnoloxías desde o punto de vista da educación convértense ás veces nun perigo", afirmou Alfonso Rueda, que insistiu en que ampliar este veto a este tipo de dispositivos "é un debate que hai que ter".