"Todos saen gañando" coa sinatura do acordo sobre os terreos do Hospital Montecelo

Pontevedra
01 de agosto 2022

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o presidente da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Mourente, Carlos Morgade, asinaron este luns, na Delegación Territorial da Xunta en Pontevedra, o acordo de cesión para a ocupación de uso de espazos con destino ao Hospital Montecelo

Sinatura do acordo sobre os terreos do Hospital Montecelo Xunta de Galicia

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o presidente da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Mourente, Carlos Morgade, asinaron este luns, na Delegación Territorial da Xunta en Pontevedra, o acordo de cesión para a ocupación de uso de espazos con destino ao Hospital Montecelo. 

Un acordo co que "todos saen gañando", segundo valoran os comuneiros, xa que "amosa un modelo a seguir" e demostra que son posibles estes convenios entre as comunidades de montes e a Xunta de Galicia e outras administracións públicas "facendo compatible o mantemento da titularidade veciñal co uso temporal, e mesmo indefinido como neste caso, para equipamentos e instalacións públicas de interese xeral". 

En virtude deste acordo a Mancomunidade de Montes de Mourente cede, con carácter indefinido ao Servizo Galego de Saúde (Sergas), o uso dos terreos actualmente ocupados polo hospital, o que supón a regularización da situación das instalacións do complexo sanitario, logo de que unha sentenza xudicial recoñecera á comunidade como titular deste chan.

A administración autonómica aboará un canon anual por importe de 23.583 euros á Comunidade de Montes. O acordo garante a continuidade dos servizos asistenciais e as instalacións permitindo ao Sergas poder realizar nestes terreos todas as instalacións, construccións, edificacións e melloras vinculadas ao destino da parcela que sexan necesarias para a atención sanitaria da poboación da súa área, o que supón o mantemento da atención sanitaria á poboación que se vén prestando ata o momento.

Desde a Comunidade de Montes de Mourente valoraron "moi positivamente" este acordo, que "supón un exemplo de entendemento entre unha comunidade de montes e a Xunta de Galicia". 

Os comuneiros consideran que é "beneficioso" para ambas partes, para a Comunidade de Montes porque conserva a titularidade dos terreos e colabora no mantemento do Hospital Montecelo na parroquia "que sempre desexou" e para a Xunta, "porque regulariza unha situación de inseguridade xurídica provocada por unha sentenza xudicial".

Este non é un acordo moi frecuente na xestión cotiá da Xunta o que obrigou a manter reunións, conversas e intercambios durante longos meses. "Houbo que superar inercias e explorar vías de entendemento de tipo xurídico, técnico e mesmo administrativo", afirman os comuneiros que recoñecen o traballo da súa Xunta Reitora e do seu asesor Calixto Escariz ademáis do secretario xeral do Sergas, Alberto Fuentes, e os servizos xurídicos de Orlando Peña. 

Finalmente, tamén agradecen a "vontade política" e a contribución do conselleiro de Sanidade a do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, "xa desde a súa etapa como vicepresidente" e a Rafael Dominguez, presidente do Partido Popular de Pontevedra. "Eles foron os primeiros que escoitaron e entenderon a posición da Comunidade de Montes, consideraron que había posibilidades de facer compatibles as pretensións das dúas partes e seguiron a negociación con moito interese", conclúen.