A Deputación Provincial de Pontevedra empeza 2020 co obxectivo de convertelo no 'Ano Revitaliza' no que os concellos que aínda non deron pasos adiante se animen e comproben as bondades do modelo, e aqueles que xa están máis adiantados sigan avanzando para consolidar a súa xestión e cumprir as obrigas legais canto antes.
No ano 2019 a Deputación, ao abeiro do Plan Revitaliza tiña repartidos 127 centros de compostaxe comunitaria e outros 5.545 composteiros individuais nos concellos. Estes números medrarán ata 170 centros comunitarios e en preto de 7.100 individuais, segundo as contas do persoal técnico provincial.
Os concellos nos que máis se están a notar os resultados da compostaxe e a súa influencia na reciclaxe do resto das fraccións son os que están a traballar na coñecida como Liña 2: os que recibiron axudas económicas da Deputación para estender o sistema con medios de titularidade municipal.
Vilaboa vai mesmo máis adiantado, xa que ademais de ser o que proporcionalmente ten máis composteiros repartidos, está a traballar na modificación da ordenanza de lixo. Alí están instalados 14 centros de compostaxe e a previsión é chegar aos 1.200 composteiros individuais entregados ás e veciños con casas con horta.
Nas novas incorporacións de concellos á Liña 2, o obxectivo é que Poio instale o seu primeiro comunitario e preto dun cento de individuais, para seguir coa Illa, que subirá a tres os comunitarios e chegará ata os 715 individuais repartidos.
Outro dos obxectivos Revitaliza, coas mestras e mestres composteiros á fronte facendo o traballo técnico e de concienciación porta a porta da veciñanza, será aumentar as instalación de centros comunitarios nos concellos que xa dispoñen de algúns –aínda que a través de cesión da institución provincial-, co obxectivo de que cada vez os gobernos locais sexan máis autónomos e se encarguen do mantemento. Nesta situación estarán Vilagarcía, Portas, Campo Lameiro, Barro, Cambados, Ribadumia, Sanxenxo, Cerdedo-Cotobade ou Bueu.
Ademais, para que os 44 concellos adheridos comproben as bondades do modelo, a Deputación traballará nos vindeiros doce meses para que os que non teñen ningún composteiro comunitario se volvan proactivos e dean os seus primeiros pasos. Desta maneira, concellos como Cuntis, Meis, Ponte Caldelas, Marín ou Poio deberán contar co seu primeiro centro de compostaxe.
Aqueles municipios que non dean pasos adiante pasarán a estar fóra do programa de compostaxe, engrosando a lista que forman Moraña, Vilanova, Meaño, Agolada, Dozón, Estrada, Forcarei, Pazos, Fornelos, A Lama, Mos, Nigrán, Arbo, A Cañiza e Crecente, que a día de hoxe nin están no Revitaliza nin contan cun plan específico para cumprir a nova normativa europea, xunto ao Concello de Vigo, fóra do cómputo ao non poder estar dentro do plan provincial polo seu número de habitantes.