Todo listo para licitar a nova Praza do Concello de Vilaboa, que transformará O Toural

Vilaboa
13 de marzo 2025

O expediente está rematado e con todos os permisos favorables, o que permitirá ao goberno local iniciar "en breve" o proceso de licitación. Farase cunha achega da Deputación e fondos propios

Nova Praza do Concello de Vilaboa
Nova Praza do Concello de Vilaboa Concello de Vilaboa

A nova Praza do Concello de Vilaboa está cada vez máis preto de facerse realidade para transformar o núcleo do Toural. 

O goberno local anunciou que o expediente da humanización está rematado e conta con todos os permisos favorables e iso permitirá iniciar "en breve" o proceso de licitación desta actuación. 

Segundo a información facilitada polo Concello, está previsto que os traballos de transformación da contorna comecen este mesmo ano e estean concluídos neste mandato.

O proxecto executarase cunha achega económica da Deputación de Pontevedra e con fondos propios.  

O obxectivo desta actuación é dotar a Vilaboa dun núcleo de centralidade na zona do Toural, creando un ámbito uniforme no espazo que vai desde a rotonda de acceso á contorna da igrexa e o centro de saúde ata a sede do CRA, transformado tamén a actual praza situada diante do Concello. 

"O que pretendemos con esta obra é transformar un espazo gris, feito de asfalto e formigón, carente de calquera sensibilidade urbanística ou medio ambiental nun espazo pensado para a xente, un lugar de encontro para a veciñanza de Vilaboa, convertido nun espazo de cor e amable cos peóns”, explica o alclade, César Poza.

Panel da nova Praza do Concello de Vilaboa
Panel da nova Praza do Concello de VilaboaConcello de Vilaboa

A actuación urbanística porá en valor elementos singulares do entorno como cruceiros, fontes e mesmo a casa rectoral e o seu canastro e busca tamén favorecer a renovación e revitalización urbana e comercial da contorna e propor novos usos e actividades.

César Poza apunta que se busca que O Toural sexa o punto de encontro sobre o que "debe pivotar ese gran cambio, ese gran salto cara adiante que un concello como o de Vilaboa, marcado pola súa dispersión, necesita para  seguir medrando".

Como alcalde, Poza sinala que conseguir esa "metamorfose" suporá tamén "cambiar esa imaxe de concello monótono, apagado, sen un núcleo urbano de referencia" e supón "un fito que marcará un antes e un despois".

O goberno local comezou xa a traballar nesta iniciativa no ano 2022 coa convocatoria dun concurso de ideas financiado co Plan Ágora da Deputación e busca dar inicio á transformación de Vilaboa.