Toda Pontevedra é zona de baixas emisións e cumpre cos parámetros máis esixentes da Organización Mundial da Saúde

Pontevedra
29 de decembro 2023

O Concello de Pontevedra empezará o ano 2023 coa tranquilidade de saber que o municipio cumpre "sobradamente" coas esixencias da nova lei de Cambio Climático e Transición Ecolóxica que contempla a entrada en vigor o próximo 1 de xaneiro das Zonas de Baixas Emisións (ZBE) cumprindo ademais "cos parámetros máis esixentes da Organización Mundial da Saúde"  

César Mosquera, concelleiro de Infraestruturas e Ordenación do Territorio PontevedraViva

O Concello de Pontevedra empezará o ano 2023 coa tranquilidade de saber que o municipio cumpre "sobradamente" coas esixencias da nova lei de Cambio Climático e Transición Ecolóxica que contempla a entrada en vigor o próximo 1 de xaneiro das Zonas de Baixas Emisións (ZBE) cumprindo ademais "cos parámetros máis esixentes da Organización Mundial da Saúde".

O concelleiro de Infraestruturas e Ordenación do Territorio, César Mosquera, compareceu este xoves en rolda de prensa para valorar esta nova normativa, que se apoia nun Real Decreto que foi aprobado este mesmo martes e nunha estratexia elaborada polo Ministerio de Transición Ecolóxica e a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP).

En primeiro lugar Mosquera lembrou que o Tribunal de Xustiza da Unión Europea condenou a España por non adoptar as medidas necesarias para frear o incumprimento sistemático dos límites legais de dióxido de nitróxeno do aire en Madrid e a área metropolitana de Barcelona entre 2010 e 2018.

"Isto ten relevancia porque todo o que se desencadeou despois ten esta orixe", dixo o concelleiro pontevedrés. "Ante esa presión" da Unión Europea o Goberno español na Lei de Cambio Climático definiu "as presas e correndo" as Zonas de Baixas Emisións "só tendo en conta as opcións que estaban a barallar as grandes cidades", explicou Mosquera.

Segundo indicou o edil nacionalista "partimos dun marco absolutamente retorto e perverso, non arranxamos os problemas onde hai alta contaminación, damos un chimpo no baleiro e poñemos a todas as cidades de máis de 50.000 habitantes cunhas solucións que non se corresponden co seu tamaño nin coa súa dinámica". 

Como consecuencia a Lei de Cambio Climático establece que a aplicación das Zonas de Baixas Emisións afectará desde este 1 de xaneiro de 2023 a 149 municipios do país, aínda que "que a teñan fehacientemente implantada só están Madrid, Barcelona e Pontevedra" outros están en trámite.

En Pontevedra, todo o centro urbano, unha superficie de 324 hectáreas, é zona de tráfico reducido, segundo recóllese no seu Plan de Movilidad Urbana Sostible "e resulta que Madrid e Barcelona seguen sen cumprir os parámetros de contaminación e nos demais hai un cumprimento xeneralizado".

"As cousas que nacen mal dificilmente van ir ben", valorou Mosquera.

A pasada semana o Executivo central aprobou o Anteproxecto de Lei de Movilidad Sostible que regula estas ZBE e "que parece calcado do modelo Pontevedra" de acougado de tráfico e recuperación do espazo público para os peóns, segundo sinalou Mosquera. 

Ademais, o pasado martes aprobou o Real Decreto que recolle as directrices para implementar estas áreas libres de emisións "e fixa claramente cales son os obxectivos, que non son cobrar por entrar ou as etiquetas, senón mellorar o aire e mitigar o cambio climático".

Este Real Decreto recolle que se poderán establecer excepcións ao modelo "sempre e cando se cumpran cos parámetros" e neste caso Pontevedra cumpre cos parámetros "xa non só os da Unión Europea senón cos máis esixentes da Organización Mundial da Saúde".

Mosquera supón que a maior parte das cidades, que non teñen problemas de contaminación graves, "van optar por esta vía porque as outras son traumáticas" en referencia ao establecemento de perímetros como o antigo Madrid Central onde os vehículos máis contaminantes non poden transitar.