"Tiven que deixar fóra da consulta o meu can guía porque o médico lle tiña medo"

O Salnés
24 de abril 2024

Este 24 de abril é o Día Internacional do Can Guía, unha data que serve á ONCE para poñer o acento nos comportamentos que debemos evitar cando nos atopamos cun usuario acompañado do seu can de asistencia. Falamos con José González Chaves, veciño de Vilanova de Arousa e afiliado da ONCE 

María Luisa Alfonsín e José González Chaves camiñan con Kela pola praia das Sinas (Vilanova de Arousa) Mónica Patxot

Este 24 de abril é o Día Internacional do Can Guía, unha data que serve á Organización Nacional de Cegos (ONCE) para poñer o acento nos comportamentos que debemos evitar cando nos atopamos cun usuario acompañado do seu can guía. Este ano, a reivindicación faise a través do lema 'Non lles deas comida, só come a súa', xa que poden ter algunha intolerancia alimentaria e pódeselles provocar un problema dixestivo.

José González Chaves, veciño de Vilanova de Arousa é afiliado da ONCE usuario de can guía, de nome Kela. Reciben a PontevedraViva ás portas da súa casa na coñecida Barriada de Pescadores, que discorre xunto á praia vilanovesa das Sinas. Unha contorna de ensoño onde, cando remata o seu traballo de asistencia, Kela desfruta de longos paseos con María Luisa Alfonsín, a muller de José.

Kela é raza labrador golden. "Fun eu só a buscala a Madrid e o 14 de febreiro do 2023 xa me atopei con ela, fíxate que ela naceu tamén un San Valentín, ese día cumpría tres anos", comenta José. A Fundación ONCE del Perro Guía atópase en Boadilla del Monte (Madrid) e alí centralízase este servizo social que a ONCE presta aos seus afiliados. Actualmente, na provincia de Pontevedra, son un total de 16 cans guía da ONCE os que acompañan a persoas cegas.

Antes de Kela, José estivo acompañado once anos de Osso, un labrador retriever. Cando xa se fixo maior e lle fallaban as pernas, "xubilárono de perro guía, e aí tes a opción de mandalo a Madrid para que o coiden ou quedar con el. Nós decidimos que quedase con nós ata que morreu con 13 anos". Foi con Osso con quen José tivo máis incidencias debido ao descoñecemento que a realidade destes cans de asistencia pervive entre a poboación.

Entre outros episodios, destacan dúas visitas a centros sanitarios. A primeira foi no Centro de Saúde de Vilanova. Non tivo impedimento para moverse polas instalacións, pero cando lle tocou a quenda para entrar na consulta, a doutora díxolle "que non, que non, que co can non me consultaba", sinala José agudizando a voz.

A segunda ocasión foi no Hospital do Salnés. Con mellores maneiras, o médico manifestoulle que o can tiña que quedar fóra da consulta. "Despois o médico pediume perdón, díxome que non me consultara co perro porque tiña medo de que se lle botase encima".

En ambos casos, María Luisa acompañábaos, así que optaron por que a muller de José agardase xunta o can na sala de espera. Estas situacións non volveron a repetirse. A Lei 10/2003, do 26 de decembro, sobre o acceso ó contorno das persoas con discapacidade acompañadas de cans de asistencia é clara á hora de recoñecer o dereito "a acceder, deambular e permanecer" co can de asistencia "en calquera lugar, establecemento ou transporte de uso público, con independencia da súa titularidade pública ou privada". E iso inclúe, loxicamente, os centros sanitarios.

José e María Luisa admiten que foron casos illados, pero non por iso menos dolorosos. A continuación, cun sorriso nomean outros centros de saúde nos que non atoparon traba algunha, como o Hospital Provincial de Pontevedra ou Montecelo.

Kela e Osso foron os únicos can guía que acompañaron a José nos case corenta anos dende que unha uveítis idiopática acabou causándolle unha cegueira total con 27 anos. Tras unha carreira laboral adicada á construción e ao mar, grazas ao consello dun coñecido entrou na ONCE, onde admite que lle cambiou a vida, "porque eu caera nunha depresión e tiña que sacar adiante unha casa coa miña muller e o fillo". Agora está xubilado como vendedor de cupóns e reparte o seu tempo entre os paseos con Kela e a lectura, "que me aficionei de maior e non paro de descargar libros da ONCE".

A diario, José camiña unha hora pola mañá e tres cuartos de hora pola tarde con Kela. Na súa ruta habitual para, segundo o día, no Centro de Saúde, o salón de peiteado, a praza, o café Bahía ou a casa do pai. "O problema co resto da xente é que Kela é moi cariñosa e soamente que alguén lle faga un xesto xa marcha onda esa persoa para que lle faga algunha caricia".

Ocorreulle que nun paso de peóns, cos coches parados, José non podía cruzar porque Kela freou cando unha persoa, sen dicir nada, comezou a acariñala. Nese momento, admite que non sabe como actuar, "non sei se teño que esperar para cruzar ou é que pasa outra cousa, porque ela cando hai un perigo, como un obstáculo ou unha valla, para".

"Cando o can guía leva o arnés, é que está traballando, e a xente non debe tocalo"

En canto á comida, Kela ten o seu propio penso, segundo as indicacións dos coidadores da ONCE. Non poden darlle outros alimentos na casa, para evitar que a cadela se bote aos pratos no caso de saír a un restaurante ou que marche atraída polo recendo de calquera establecemento nos seus paseos diarios.

"Á xente dicímoslles que non lle dea nada de comer. O outro día estivemos nun restaurante e ao camareiro caeulle un trozo de carne cun óso e, en vez de tiralo, deullo ao can. Eu rápido collinllo, porque estes cans non están acostumados a comer ósos e se poden atragantar", lembra José.

Para evitar situacións complicadas na rúa con outros cidadáns "pódese pedir á ONCE un letreiro que se lle pon no arnés e di: Non molestar, estou traballando", engade José, aínda que de momento non o ve necesario para Kela. En todo caso, recalca a mensaxe de que "cando o can leva o arnés, é que está traballando, e a xente non debe tocalo", remata.