Tiremos de Rías Baixas… na mesma dirección

Pontevedra
27 de setembro 2016

O goberno provincial da Deputación de Pontevedra presentou este martes as liñas mestras do Plan Director de Turismo Rías Baixas coas que se pretende "romper co vello modelo no que a Deputación vai pola súa conta " para "apostar por unha nova senda na que todos tiremos no mesmo sentido"

Presentación do Plan Director de Turismo Rías Baixas Mónica Patxot

O goberno provincial da Deputación de Pontevedra presentou este martes as liñas mestras do Plan Director de Turismo Rías Baixas coas que se pretende "romper co vello modelo no que a Deputación vai pola súa conta" para "apostar por unha nova senda na que todos tiremos no mesmo sentido".

Nun chamativo acto que reuniu a representantes de todo o sector turístico, desde o aloxamento, ata a restauración, oferta complementaria e comercializadores, xunto a alcaldes e concelleiros da provincia, ante a fachada do Pazo Provincial, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, acompañada polo vicepresidente, César Mosquera, e o deputado delegado de turismo, Santos Héctor Rodríguez, explicou que o "turismo xera emprego, riqueza e benestar" e que a intención do goberno bipartito é "escoitar, acompañar, apoiar ao sector, implicándose no día a día" para "dar un forte impulso" a aquelas iniciativas que se acorden entre todos.

Neste sentido, o lema escollido "Tiremos de Rías Baixas... na mesma dirección" reflicte esa filosofía da política turística que quere poñer en marcha a Deputación en consenso cos concellos e co sector privado.

Carmela Silva, insistiu nas "grandes potencialidades" desta "terra privilexiada para o turismo", e destacou como "activos que nos fan fortes como sociedade", á paisaxe, a gastronomía, os viños, as infraestruturas "modernas e competitivas", o aeroporto de Peinador, as vilas e cidades, a arquitectura contemporánea e os propios festivais Rías Baixas.

Silva enxalzou tamén o sector turístico da provincia, denominándoo "o motor do sector turístico galego" e propuxo ao público presente construír "un destino forte, cunha boa marca, ben situado e ben promocionado para convertelo nun escenario máis favorable e con maiores perspectivas para o traballo individual da empresa turística".

Carmela Silva avanzou que a política promocional da Deputación estará orientada aos produtos turísticos nos que están a traballar os operadores da provincia, desde o tradicional sol e praia ata o turismo urbano, o de reunións e eventos, o cultural, de natureza, enogastronómico, náutico, termalismo, o camiño de Santiago, os festivais ou calquera outro segmento de produto no que se estea traballando na provincia.

Ademais, o novo Plan Director de Turismo aposta por unha política de comunicación orientada a incrementar a presenza de márcaa Rías Baixas nos "mercados prioritarios" e unha política de relacións institucionais orientada á colaboración con organismos e axentes con responsabilidade en materia turística, desde os propios concellos, ata a Xunta de Galicia e as cámaras municipais do norte de Portugal.