Tino Fernández cualifica de "pataleta absolutamente inxustificada" as críticas do colectivo feminista á carreira do 8M

Pontevedra
04 de marzo 2020

O tenente de alcalde explicou que o Tour Universo Muller e a súa data de celebración eran "perfectamente coñecidos por todo o mundo" e xa estaban programados "desde o mandato anterior"

Tino Fernández, tenente de alcalde e concelleiro de deportes PontevedraViva

O tenente de alcalde e concelleiro de Deportes de Pontevedra, Tino Fernández, cre que as críticas á súa concellería por parte do colectivo feminista Galegas 8M pola organización dunha carreira popular para o 8 de marzo dentro do Tour Universo Muller é unha "pataleta absolutamente inxustificada".

Tino Fernández lembra que "as que protagonizan a reivindicación son as mulleres. Todas as mulleres, de todos os ámbitos. Non dun colectivo, nin de dous, nin do Partido Socialista, nin outros partidos" polo que "as mulleres protagonizan as súas reivindicacións de formas diferentes".

O concelleiro socialista reprochou esta visión das reivindicacións do 8 de marzo "tan estreita e tan curta" e indicou "con todo o respecto e toda a humildade do mundo" que os socialistas "non admitimos leccións de feminismo de ninguén, de ningún colectivo".

Tino Fernández cre que toda esta polémica é unha "cuestión artificial" e considera que "parece máis a pataleta dun determinado colectivo que se representa a si mesmo e a ninguén máis"

O tenente de alcalde explicou que o Tour Universo Muller e a súa data de celebración eran "perfectamente coñecidos por todo o mundo" e xa estaban programados "desde o mandato anterior", polo que como concelleiro de deportes o único que fixo foi "asumir o evento e a data, porque nos parece moi interesante tanto o evento como a data, e xestionalo".

E insistiu Tino Fernández na súa convicción de que o Tour Universo Muller é "unha moi boa idea para visibilizar á muller e os dereitos da muller".

Aos críticos deste evento Tino Fernández contéstalles que "hai moitas formas de defender os dereitos da muller, non só unha" e, neste sentido, afirma que unha delas é "visibilizar á muller no ámbito do deporte". Ademais, pide a estas voces críticas "que lles pregunten aos clubs de Pontevedra, aos que fomentan o deporte feminino todos os días, ás que están a adestrar, ás adestradoras, ás xogadoras, ás mulleres dirixentes, se lles parece mal que este evento se celebre".

Fronte a aqueles que reprochan que este evento vai prexudicar as mobilizacións do 8 de marzo, Tino Fernández afirma que é unha "falta de respecto cara a todas estas persoas que están a traballar todos os días a favor do deporte feminino en Pontevedra".

Para completar os seus argumentos o tenente de alcalde engadiu que "non hai que desprezar a forza do deporte como elemento de concienciación da situación das mulleres" e tamén lembra que "as festas poden ser tamén un elemento de reivindicación" citando como exemplo os actos lúdicos do Orgullo Gay.

En canto ás declaracións da súa compañeira a concelleira de Igualdade, Paloma Castro, desmarcándose da organización do Tour Universo Muller "non dixo nada que non fose verdade" respondeu Tino Fernández "o evento lévao Deportes e asúmeo Deportes", polo que reduciu a polémica a "unha tormenta nun vaso de auga". Iso si, apunta que "puido ser dito doutra forma? probablemente".

Tino Fernández asegurou estar "orgulloso" de organizar este evento e lembra que está "falado e pactado" para que a carreira do 8 de marzo non coincida con ningunha outra actividade e así "quen queira concorrer a calquera outra manifestación poida facelo". "Non temos nada que xustificar", concluíu.