Unha receita inalterable dende a Idade Media en Alemaña ata os nosos días e unhas normas estritas na súa produción marcadas pola Denominación de Orixe da Unión Europea converten á 'Thüringer Rostbratwurst' na salchicha máis famosa entre os amantes deste manxar. O segredo: a proporción rigorosa entre especias e carne na coñecida como "salchicha de herbas" que, segundo establece a normativa, debe medir entre 15 e 20 centímetros, nin máis nin menos. A partir deste venres 27 de outubro poderase degustar na carpa instalada na Praza de España de Pontevedra nunha nova edición do Outubrofest.
Organizado polo Pontevedra Rugby Club, celebrarase dende o 27 de outubro ata o 1 de novembro. A carpa estará aberta dende as 12:00 do mediodía ata as 00:00 horas. Alberto Fernández, o presidente do club, avanzaba na presentación do evento que as cociñas pecharán uns minutos antes da hora tope e tamén se apagará a música nese momento para cumprir estritamente co horario e evitar deste xeito ser competencia dos locais de hostalería e lecer nocturno.
Pola súa banda, a concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, destacaba o carácter familiar desta cita, con menús para todas as idades a prezos populares. Tamén quixo "facer especial fincapé na xente que traballa para este clube emblemático na cidade" e que se implica ao cen por cen na organización.
O obxectivo do Outubrofest é financiar a actividade do Pontevedra Rugby Club para "conseguir a independencia económica do clube que naceu para ter unha escola de rugby", manifestaba Fernández. Un dos atractivos desta edición, que suma a número 13, chegará o sábado 28. Coincidindo coa final do Mundial de Rugby, ás 21:00 horas os asistentes poderán ver en directo o partido Sudáfrica-Nova Zelandia nunha pantalla xigante, grazas a un acordo que se estableceu con Movistar+, a televisión que ten os dereitos de retransmisión en España.
Neste Outubrofest haberá "un recordo agarimoso para o Club Naval de Pontevedra", indicaba Fernández ao rememorar que o ano pasado o Premio Máis que Rugby (en homenaxe a outro club deportivo da cidade) ía ser entregado a esta escola de piragüismo pero o suceso luctuoso ocorrido nas augas do Lérez impediuno. "Nese momento estivemos con eles e queremos que este ano o premio sexa para as escolas e formadores do Club Naval".
Este evento gastronómico ofrecerá diferentes cervexas e degustación de produtos típicos das festas que tradicionalmente se celebran inspiradas no Oktoberfest (festival de outubro) de Múnich. Dende a organización aclaran que haberá opcions veganas e tamén produtos para persoas con celiaquía "separados absolutamente do resto dos alimentos".
No que respecta á previsión do tempo nesas datas, nas que as chuvias van a estar presentes, Alberto Fernández comentaba entre risos "que chova, que chova", xa que as inclemencias meteorolóxicas favorecen a afluencia de comensais que valoran estar a acubillo da carpa. "Vivimos ata cicloxéneses explosivas, temporais e borrascas, o que non nos favorece é que vaia moita calor, como ocorreu algún ano". Coincidindo tamén coas datas previas a Defuntos, tamén animan sobre todo aos máis pequenos a achegarse coas súas cabazas ou disfraces para ambientar aínda máis, se cabe, este evento festivo.