The New York Times e cidades de Colombia e Corea do Sur, interesados no modelo Pontevedra

Pontevedra
22 de agosto 2024

O xornal estadounidense The New York Times fará unha entrevista ao alcalde para publicar con motivo da conferencia ‘Climate Forward’, que terá como temática ‘Afrontar a nosa nova realidade’. A produtora alemá Sagafilmworks realizará unha reportaxe sobre a vantaxe de eliminar os tráficos innecesarios

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra Mónica Patxot

O xornal estadounidense The New York Times fará unha entrevista ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, para publicar con motivo da conferencia ‘Climate Forward’. A cidade aparecerá como referente, ao carón doutros proxectos, do modelo urbano e o seu impacto no clima. 

A xornalista Tanya Mohn, especialista en seguridade vial, transporte sostible e ciclismo, entrevistará a Lores a través dunha videoconferencia o vindeiro 3 de setembro. 

Este prestixioso xornal americano púxose en contacto co Concello por recomendación de Aseniya Dimitrova, directora de proxectos de TheMayor.eu, o proxecto polo que Pontevedra xa acudiu como cidade convidada nun congreso en París

Esta xornalista explicou, á hora de pedir a entrevista, que quería contar co alcalde "dado que Pontevedra foi líder durante décadas en como favorecer aos peóns sobre os automóbiles, reducir o tráfico, reducir as emisións e a contaminación, mellorar a calidade do aire" e tamén porque "segue sendo un modelo e unha fonte de inspiración para outros pobos e cidades".

A entrevista publicarase como unha sección especial dentro da citada conferencia ‘Climate Forward’, que se celebrará o 25 de setembro e terá como temática ‘Afrontar a nosa nova realidade’.

O propio Lores deu a coñecer este acontecemento como un grande hito dentro da proxección internacional de Pontevedra, pois é a primeira vez que este prestixioso medio de comunicación se fixa na cidade.

Pero non só The New York Times pon a súa mirada en Pontevedra, senón que nas vindeiras semanas o seu modelo urbano atraerá miradas desde distintos continentes, tanto de administracións como de medios de comunicación.

Así, este mesmo xoves Lores tiña na axenda unha videoconferencia co alcalde da cidade de Sabaneta (Colombia), Alder Cruz. Trátase dunha localidade con poboación "moi similar" á de Pontevedra, 81.000 habitantes, dos que 59.000 residen na cidade.

Ese alcalde colombiano acaba de gañar as eleccións hai pouco tempo, no seu programa incluía proxectos xa postos en marcha aquí e "quere coñecer Pontevedra". Despois deste primeiro contacto telemático, en outubro visitará a cidade no marco dun congreso deportivo.

Tamén o 3 de setembro visitará a cidade do Lérez unha delegación de sete funcionarios da cidade de Suncheon, en Corea do Sur, considerada "a máis ecolóxica de Corea do Sur".

Esta localidade de 290.000 habitantes buscarán aprender de Pontevedra sobre as políticas que promoven o transporte público e o establecemento de infraestruturas bicicletas e peóns.

E falando de difusión nos medios, interesouse por Pontevedra a produtora alemá Sagafilmworks, que está a traballar nunha reportaxe para a televisión pública alemá sobre vantaxe de eliminar os tráficos innecesarios de vehículos nas cidades.