O plan de vacinación en Galicia dá un novo paso. A partir do próximo sábado Sanidade empezará a inmunizar ás persoas que teñan entre 50 e 55 anos. Para este primeiro día estarán convocadas 1.700 persoas do distrito sanitario de Pontevedra e 500 do do Salnés.
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, explicou que este avance no proceso de vacinación débese ás 30.000 vacinas de AstraZeneca que chegaron a Galicia este martes e ao anuncio por parte do Estado de que en breve haberá unha nova chegada "importante".
Esta situación, segundo García Comesaña, obriga a Galicia a realizar un "esforzo extra" na vacinación contra a covid-19 que, por primeira vez, realizarase "extramuros" dos hospitais, centros de saúde ou complexos residenciais.
No caso de Pontevedra están a pecharse os detalles deste dispositivo, que será no Recinto Feiral, mentres que as persoas citadas no distrito sanitario do Salnés vacinaranse en Fexdega (Vilagarcía).
En concreto, Sanidade chamará a persoas que naceran entre o 11 de marzo de 1965 e o 31 de decembro de 1971. A orde, do mesmo xeito que cos maiores de 80 anos, será a partir dos apelidos que empecen con H.
Antes desta vacinación masiva a partir do sábado, haberá unha proba piloto que se realizará mañá xoves na Cidade da Cultura de Santiago, á que están convocados uns 1.000 pacientes da área sanitaria de Santiago.
Esta proba será utilizada para "pulir e axustar varios parámetros" deste proceso, que recorrerá á tecnoloxía para as citacións. Así, os pacientes recibirán un SMS coa súa cita que, ao día seguinte será confirmada mediante unha chamada automática.
Esta confirmación será "imprescindible", segundo o conselleiro, para poder vacinarse. Este sistema será "uniforme" para todas as áreas sanitarias.
Nesta proba que se realizará en Santiago, Sanidade quere probar, entre outras cuestións, como coordinar a chegada de tantos cidadáns ao mesmo punto, os circuítos de mobilidade dentro dos recintos de vacinación, a loxística ou as zonas de espera.
A maiores, Sanidade continuará coa vacinación dos maiores de 80 anos que, segundo as súas previsións, completarase no mes de maio. Podería ser antes se chegan máis vacúas da farmacéutica Pfizer. A partir de aí, iríase baixando na franxa de idade.