Terras de Pontevedra convoca os seus primeiros Premios de Comunicación Turística

Pontevedra
05 de outubro 2017

Dar a coñecer o patrimonio turístico da comarca a través das redes sociais. É o obxectivo da primeira edición dos Premios de Comunicación Turística que convoca a mancomunidade Terras de Pontevedra

Pleno da mancomunidade Terras de Pontevedra Mónica Patxot

Dar a coñecer o patrimonio turístico da comarca a través das redes sociais. É o obxectivo da primeira edición dos Premios de Comunicación Turística que convoca a mancomunidade Terras de Pontevedra.

A iniciativa foi presentada este xoves polos alcaldes de Pontevedra, Marín, Poio e Ponte Caldelas, nunha rolda de prensa previa ao pleno da mancomunidade.

Xunto con estes catro concellos, os participantes tamén poden difundir contido dos municipios de Campo Lameiro, Vilaboa e Cerdedo-Cotobade, así como de A Lama e Barro, aínda que estes dous últimos concellos aínda non referendaran a súa incorporación á mancomunidade.

Os premios van dirixidos ao alumnado de bacharelato, FP e universitario e teñen dúas categorías: un microvideo para Facebook cunha duración máxima de 40 segundos e un post para esa mesma rede social, que pode incluír textos, imaxes, debuxos ou composición.

Os participantes poden inscribirse no concurso ata o próximo 10 de novembro, a través da plataforma Easypromos.

Unha votación popular elixirá aos tres mellores de cada categoría e un xurado escollerá aos gañadores finais. Os premios entregaranse a finais de novembro. Están valorados en 500 euros para cada unha das categorías.

A temática é libre, pero sempre coa necesaria divulgación do patrimonio, os recursos naturais, a gastronomía ou a arte que se pode atopar nos municipios de Terras de Pontevedra.