Teresa Ribera, "dispuesta a contribuir" na renaturalización de Pontevedra

Pontevedra
31 de xaneiro 2024

Ata Pontevedra acudiu este mércores a vicepresidenta terceira do Goberno, Teresa Ribera. Fíxoo, ás portas do inicio da campaña electoral, para protagonizar un paseo polas ribeiras do Lérez xunto a cargos e candidatos do PSdeG-PSOE

Teresa Ribera, durante o seu paseo polas beiras do río Lérez Mónica Patxot

Ata Pontevedra acudiu este mércores a vicepresidenta terceira do Goberno, Teresa Ribera. Fíxoo, ás portas do inicio da campaña electoral, para protagonizar un paseo polas ribeiras do Lérez xunto a cargos e candidatos do PSdeG-PSOE.

Desde alí, sen aceptar preguntas dos xornalistas, a ministra para a Transición Ecolóxica quixo mostrar o seu apoio á estratexia Pontevedra Flúe, deseñada polos socialistas no mandato pasado, que tiña como obxectivo renaturalizar a cidade, especialmente o ámbito do Lérez.

Nun vídeo duns corenta segundos, distribuído aos medios polo PSdeG-PSOE, Ribera explica que se algo caracteriza o futuro das cidades é que deben ser cidades "verdes y sostenibles", recuperando para os seus habitantes espazos que son de dominio público.

"Es algo en lo que el ministerio está dispuesto a contribuir", sostén a vicepresidenta neste vídeo, ao entender que "sabemos que los vecinos lo quieren" e que se trata de actuacións de futuro "que darán valor y calidad de vida a la ciudad de Pontevedra".

A este respecto, Teresa Ribera lanza a luva ao goberno municipal, ao que lle pide "busquemos cómo hacerlo", asegurando que "tenemos las partidas presupuestarias y queremos hacerlo", aínda que non verbaliza en ningún momento o investimento que contemplaría o seu departamento.

O que puxo cifras a este compromiso foi o portavoz municipal socialista, Iván Puentes, que mantén que Transición Ecolóxica faría "o maior investimento que o goberno de España fixo en décadas" en Pontevedra, ata 25 millóns de euros en fondos europeos.

Servirían para financiar actuacións en todo o ámbito fluvial del Río Lérez, a Xunqueira de Alba ou todos os humidais e zonas verdes que conforman este ecosistema. 

"Levamos case un ano esperando", sinalou Puentes, que asegura que o BNG leva todo ese tempo "negando que o ministerio teña vontade de facer esa obra", algo que ao seu xuízo rebate a presenza da ministra en Pontevedra e as declaracións que realizou "alto e claro".

Así, reclamou ao Concello que redacte os proxectos que están pendentes e que os remitan ao Goberno central, para que Transición Ecolóxica poida contratar e executar estas obras.

Arquivado en