Teresa Casal e Marea selan a súa "triple declaración de amor" con Pontevedra

Pontevedra
06 de novembro 2018

Do PSOE a Marea. Así é o camiño que emprendeu Teresa Casal. A ex tenente de alcalde en Pontevedra entre 2003 e 2011 será, aceptando a oferta adiantada por PontevedraViva, a número 2 da candidatura que liderará Luís Rei para as próximas eleccións municipais de 2019

Luis Rei e Teresa Casal na cafetería Savoy
Luis Rei e Teresa Casal na cafetería Savoy / Mónica Patxot

Do PSOE a Marea. Así é o camiño que emprendeu Teresa Casal. A ex tenente de alcalde en Pontevedra entre 2003 e 2011 será, aceptando a oferta adiantada por PontevedraViva, a número 2 da candidatura que liderará Luís Rei para as próximas eleccións municipais de 2019.

Case oito anos despois de abandonar a primeira liña política algo que, segundo lembrou, fíxoo "non voluntariamente", Teresa Casal volve á area municipal como independente dentro de Marea, un partido de confluencia no que "síntome a gusto".

Na súa primeira comparecencia xunto ao que, a partir de agora, será o seu xefe de filas, Casal asegurou que será socialista "ata que morra", xa que sinalou que "para ter unha ideoloxía non fai falta ter un selo na fronte nin un carné", algo que defenderá desde Marea tras saír "desencantada" do sistema orgánico dos partidos "tradicionais". 

A ex militante socialista, que se definiu como "galeguista e feminista", destacou o "feeling especial" que notou con Luís Rei desde que o líder de Marea lle propuxo acompañalo á fronte da candidatura ás municipais. "Inspiroume moita confianza", explicou, aínda que recoñeceu que dar o paso "non foi fácil".

A iso sumou o feito de atopar en Marea a un grupo de persoas "interesadas en Pontevedra e na súa xente" e que, lonxe das "liortas internas polo poder" que hai noutros partidos, traballan por mellorar as condicións de vida dos pontevedreses. 

"Espero que esta andaina sexa ou máis frutífera posible", destacou unha Teresa Casal que asegura non gardar "rencor" aos seus ex compañeiros do PSOE pero si estar "doída" polo trato recibido. Non só pola súa saída senón porque, anos despois, os que tomaron o seu relevo xamais reivindicaron os proxectos impulsados por ela.

Así, lembrou que, xunto co seu equipo, contribuíu a que Pontevedra fose unha cidade "amable" para todos, que agora ve en plena "marcha atrás" por un goberno municipal "que non é moito de falar coa xente" e que se dedica unicamente, dixo, a "recoller os froitos do que xa se fixo" pero sen ambición algunha de futuro.

A este respecto, a ex tenente de alcalde subliñou que está "moi orgullosa" do traballo realizado no goberno coaligado co BNG, ao entender que foi a " mellor etapa" dun alcalde que, a día de hoxe, está "enxordecido".

Ademais, Teresa Casal garantiu que ante as "discrepancias" que poidan xurdir coa liña actual de Marea e o seu posicionamento acerca de proxectos que ela defendeu no seu día, como o polígono comercial do Vao, "nunca votarei en contra dous meus actos", polo que optará por ausentarse do pleno.

A súa baixa do PSOE, que formalizou o pasado mes de setembro, "era algo que tiña que ter feito hai moito tempo", recoñeceu. A partir de agora Marea será o "vehículo" para poder "canalizar" o que esta muller, que asegura que "canto máis maior me fago máis rebelde me sinto", poderá achegar aos cidadáns de Pontevedra.

LUIS REI E AS "TRES DECLARACIÓNS DE AMOR"

Luís Rei, pola súa banda, mostrou a súa satisfacción ante as "tres declaración de amor" que supón a fichaxe de Teresa Casal por Marea: as que ambos se fan mutuamente e a que os dous xuntos fan á cidade de Pontevedra.

O líder de Marea celebrou que esta incorporación permite á súa formación ofrecer aos cidadáns un equipo "con coñecemento e experiencia" para poder gobernar Pontevedra "e facelo ben desde o primeiro día", apostando por unha proposta de cambio "creible" e que non represente unha "volta atrás".

A este respecto, Luís Rei puxo en valor que o modelo urbano da Boa Vila, a "Pontevedra amable, cidade 30 e peonalizada", leva tamén a "sinatura" de Teresa Casal.

O seu nomeamento deberá ser agora ratificado polos inscritos de Marea, algo que segundo Rei será só un trámite, xa que rexeitar esta incorporación sería "pegarse un tiro nos pés".

Moito máis difícil parece, con todo, que Podemos se some á marea pontevedresa. "Se a súa cúpula decidiu estar á marxe dos procesos de primarias é o seu problema", sinalou o portavoz da candidatura de confluencia que, con todo, si lembrou que hai " xente de todos os partidos" a título persoal.

Arquivado en