Terceira xornada consecutiva con incremento de hospitalizados por covid tras detectarse 263 novos contaxios

Pontevedra
20 de xullo 2021

A cifra de casos activos de coronavirus na Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés segue disparada e chega este martes 20 de xullo aos 2.101, o que supón 222 máis que o luns segundo reflicte o balance oficial do Servizo Galego de Saúde

Servizo de Urxencias do Hospital Montecelo de Pontevedra Mónica Patxot

A importante porcentaxe de pontevedreses vacinados está a lograr manter aos hospitais da comarca lonxe da saturación das pasadas ondas da pandemia, pero iso non quita que o importante nivel de contaxios que está a experimentar a Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés comece a notarse nos centros sanitarios.

Este martes 20 de xullo, por terceira xornada consecutiva, o balance oficial do Servizo Galego de Saúde reflicte un incremento no número de hospitalizacións por covid, pasando a contar con 21 pacientes ingresados (tres máis que o luns). Deles 16 evolucionan en planta repartidos entre o Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (15) e o Hospital do Salnés (1), mentres que na Unidade de Coidados Intensivos de Montecelo reciben atención 5 afectados (un máis).

Un dos motivos desta tendencia débese ao alto nivel de positividade das últimas datas. De feito na última xornada a área pontevedresa detectou 263 novos contaxios por coronavirus, cifra que supera amplamente ás altas epidemiolóxicas (41) e que fixo subir de novo os casos activos ata colocarse nos 2.101, o que supón 222 máis que o luns.

Desde o inicio da pandemia superaron a infección 14.745 persoas na área sanitaria, contabilizándose 181 falecementos de pacientes con positivo activo.

En canto a realización probas PCR, nas últimas 24 horas realizáronse 1.217.