"A física e a química preséntanse como disciplinas que permiten dar resposta a situacións do día a día", con esta proposta presentábase a terceira edición da Feira Científica no IES de Poio.
Trátase dunha actividade, que coordina o Departamento de Física e Química deste centro, na que se presentan diferentes experiencias científicas realizadas polo alumnado de 4º de ESO, que estuda estas materias e Ciencias Aplicadas á Actividade Profesional.
Alumnado dos cursos 2º, 3º, 4º de ESO e 1º de Bacharelato asistiron aos postos informativos para coñecer as diferentes iniciativas desenvolvidas con motivo deste evento a través da aplicación de efectos orixinados a partir da terceira lei de Newton ou o efecto Magnus polo que se observa que a rotación dun obxecto afecta á traxectoria do mesmo a través dun fluído.
Tamén tiveron a oportunidade de coñecer outros fenómenos como os espectros atómicos dos diferentes elementos; a condutividade; cristalizacións ou a tensión superficial.
A intención desde o IES de Poio é achegar estes conceptos científicos ao público en xeral e comprender como se orixinan as cores dos lumes artigiciales ou como se pode dar efecto a un balón en diferentes modalidades deportivas, grazas a leis físicas.