Temen unha "mercantilización" das praias coas medidas de Telmo Martín para Silgar

Sanxenxo
12 de maio 2020

O grupo socialista valora que o alcalde de Sanxenxo propoña iniciativas para garantir un turismo seguro e de calidade, pero advirte de que esas propostas teñen que ir acompañadas de proxectos de execución viables

Telmo Martín explica o plan para a praia de Silgar
Telmo Martín explica o plan para a praia de Silgar / PontevedraViva

O grupo municipal socialista de Sanxenxo alerta sobre as consecuencias negativas que poderían derivarse dunha xestión inadecuada do control de persoas nas praias de Sanxenxo durante este verán. Desta forma responderon desde o PSOE á publicación do proxecto de delimitación de parcelas na praia de  Silgar que propón o goberno local.

Esa parcelación da praia para manter distancias de seguridade, din os socialistas, parécelles estupenda e sinalan que xa se lle ocorreu previamente ao alcalde de Vigo, Abel Caballero.

Con todo, a portavoz Ainhoa Fervenza pide que este plan veña acompañado dun proxecto de execución eficaz que evite conflitos que poidan xurdir ao redor deste cambio. 

Fervenza pregúntase como os cinco acomodadores anunciados por Telmo Martín van evitar que a xente negocie coas reservas de parcelas. Pregúntanse tamén cales serán as normas de uso e se haberá límites de tempo para a utilización das parcelas.

"Telmo é máis de vender a exclusiva e  despois improvisar a súa consecución sobre a marcha", afirma a representante socialista.

Tamén considera un erro que o Concello decida que a xestión dos areais adxudicásese a unha empresa privada. "Dada a tendencia á privatización do actual equipo de goberno, gustaríanos sinalar que ese sería un paso equivocado que pode non ter volta atrás", apuntan desde a sede do PSOE teméndose que as praias se convertan en obxecto de mercadeo.