Telmo Martín obvia a súa maioría absoluta e apela á unanimidade para gobernar Sanxenxo

Sanxenxo
15 de xuño 2019

Martín foi elixido pola maioría absoluta que ostentan os dez concelleiros do PP, mentres que as tres edís do PSOE votaron á súa candidata Ainhoa Fervenza. Abstivéronse Jesús Sueiro, único edil de SAL; Vanessa Rodríguez, única concelleira de Cidadáns, e os dous concelleiros do BNG

Pleno de investidura do Concello de Sanxenxo PontevedraViva

O Concello de Sanxenxo celebrou este sábado o pleno de investidura no que foi elixido alcalde o candidato do Partido Popular, Telmo Martín, revalidando o seu cargo por outros catro anos.

Martín foi elixido pola maioría absoluta que ostentan os dez concelleiros do PP, mentres que as tres edís do PSOE votaron á súa candidata Ainhoa Fervenza. Abstivéronse Jesús Sueiro, único edil de SAL; Vanessa Rodríguez, única concelleira de Cidadáns, e os dous concelleiros do BNG.

"Moi agradecido" con esta responsabilidade encomendada polos veciños de Sanxenxo, Telmo Martín marcou no seu discurso tres grandes obxectivos para os que interpelou a toda a corporación a traballar de maneira unánime "quero acordar os grandes proxectos coa oposición", son: a desestacionalización do turismo, a seguridade cidadá e o emprego, onde está chamado a xogar un papel importante o polígono empresarial de Nantes.

Igualmente o reelixido alcalde de Sanxenxo compartiu a súa particular "obsesión" que é incrementar o padrón de habitantes dos 17.400 actuais aos 20.001.

Emocionado tivo unhas palabras de agarimo para a súa muller, a súa filla que está a traballar en Australia "e que me estará vendo por streaming" e para toda a súa familia.

Finalmente, dixo "estarei sempre en débeda co pobo de Sanxenxo" por darlle esta nova oportunidade "canto teño 60 anos". "Aínda que son boa persoa, e presumo diso, creo que me van a facer aínda mellor e se non é así quero que mo digan", concluíu.