Telmo Martín devolve ao PP a maioría absoluta en Sanxenxo

Sanxenxo
27 de maio 2019

Dous anos despois de recuperar a alcaldía mediante un pacto de goberno con SAL, o Partido Popular volverá gobernar con maioría absoluta en Sanxenxo grazas aos 10 dos 17 concelleiros da corporación. PSOE, BNG, SAL e Cidadáns tamén logran representación

Resultados das municipais en Sanxenxo ao 100% escrutado David López

O Partido Popular volverá gobernar con maioría absoluta o Concello de Sanxenxo 12 anos despois de conseguilo nos comicios de 2007. Farao da man de Telmo Martín, que manterá o bastón de mando.

Martín, que recuperou a alcaldía a metade de mandato mediante un pacto con SAL, poderá agora decidir o futuro do goberno local en solitario cos seus compañeiros de partido. A súa xestión ao longo dos dous últimos anos convenceu aos veciños do municipio, que lle outorgaron 10 dos 17 concelleiros da corporación grazas ao 49,95% dos votos.

A segunda forza municipal, a moita distancia, foi o Partido Socialista. Ainhoa Fervenza logrou sumar 3 edís cunha porcentaxe do 14,19% dos apoios, seguida do BNG que encabeza Sandra Fernández Agraso que cun 12,71% dos votos conseguiu 2 representantes.

Significativa é a caída de SAL, ao pasar dos 4 concelleiros que lle outorgaron a alcaldía en 2015 a contar cun único edil, o seu candidato Gonzalo Gonzalo Pita (7,63% dos apoios). Tamén entra na corporación Cidadáns cunha concelleira, Vanessa Rodríguez Búa (6,90% de votos).

Pola súa banda non logrou a porcentaxe necesaria para sumar polo menos un edil a ex-alcaldesa Catalina González, candidata por Xuntos por Sanxenxo, ao quedar cun 3,36% de votos.

Arquivado en