TeAutorizo, a nova aplicación web do Goberno que permite obter certificados de ausencia de delitos sexuais

O Salnés
24 de xullo 2024

Este novo sistema, unha aplicación web, denominada TeAutorizo, púxose en marcha a mediados deste mes de xullo e pretende axilizar tramitación administrativa tanto a particulares como a empresas

Subdelegado do Goberno, alcalde de Meaño e responsables de La Fiestería Subdelegación del Gobierno

TeAutorizo é o nome da nova aplicación web que desde mediados de xullo puxo en marcha o Goberno para eliminar trabas administrativas tanto a particulares como a empresas á hora de obter certificados de ausencia de delitos sexuais e de trata de seres humanos.

É un servizo telemático co que a administración central pretende aumentar a protección dos menores e mellorar os servizos á cidadanía.

Dar a coñecer a novidade telemática foi o motivo que levou ao subdelegado do Goberno, Abel Losada ata o municipio de Meaño, onde estivo acompañado do alcalde Carlos Viéitez e de responsables da empresa La Fiestería que realiza os campamentos de verán que se ofrecen no devandito municipio pontevedrés.

Todos eles apuntaron "a importancia de que empresas, asociacións ou clubs deportivos utilicen esta nova ferramenta como garantía adicional para dar tranquilidade a pais e nais". 

Para facer uso de TeAutorizo hai que rexistrarse na aplicación e obter posteriormente o consentimento das persoas empregadas a través da app Mi Carpeta Ciudadana. Polo momento TeAutorizo está en versión beta; isto é, a súa primeira versión e por tanto en fase de desenvolvemento.

Así, desde o Ministerio de Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes sinálase que proximamente se incorporarán novas funcionalidades para facilitar a descarga de grandes cantidades de certificados de maneira simultánea e ampliaranse os certificados electrónicos.

Actualmente aceptan os da Fábrica Nacional de Moeda e Timbre e o DNI electrónico.